Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo pide que Xoán Carlos I regrese a España tras desclasificarse os documentos do 23F

Feijóo pide que Xoán Carlos I regrese a España tras desclasificarse os documentos do 23F

Segundo o líder da oposición, o exxefe do Estado recoñeceu "erros innegables" na súa traxectoria, pero "contribuíu a soster" a democracia española

O Goberno di que o regreso de Xoán Carlo I é unha decisión que lle compete a el e a Casa Real

"Deixar o Borbón libre", o erro dos golpistas que sinalan o rei como "obxectivo que bater"

Xoán Carlos I preside a Xunta de Defensa o 24 de febreiro de 1981 (Arquivo Europa Press) Xoán Carlos I preside a Xunta de Defensa o 24 de febreiro de 1981 (Arquivo Europa Press)
G24.gal 26/02/2026 11:06 Última actualización 26/02/2026 12:31

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este xoves que sería desexable que Xoán Carlos I regrese a España, unha vez que se desclasificaron documentos do intento de golpe de estado do 23F.

"A desclasificación dos documentos do 23F debe reconciliar os españois con quen parou o golpe de estado", afirmou en X o presidente do PP.

O rei emérito -que reside desde 2020 en Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos), onde se trasladou ante a crecente presión polas investigacións sobre as súas finanzas-, agregou, recoñeceu "erros innegables" na súa traxectoria, pero "contribuíu a soster" a democracia española. 

Xoán Carlos I axudou, ademais, a soster as "liberdades" no país, en "un momento clave" e por tanto debería pasar a última etapa da súa vida "con dignidade e no seu país", afirmou Feijóo.

A petición sucede despois de que este mércores se desclasificaran, tras un acordo do Consello de Ministros, 153 "unidades documentais", que inclúen desde a transcrición de conversacións telefónicas do golpista Antonio Tejero desde o Congreso asediado polos axentes ao seu mando ata notas informativas do CESID.

Un dos documentos do CESID (os servizos de intelixencia da época) confirma como o rei freou o xeneral Armada no seu intento de acudir ao palacio, e que tamén ordenou a Milans del Bosch, quen para apoiar o golpe sacara os tanques á rúa en Valencia, que depuxese a súa actitude.

Bolaños di que o regreso do rei Xoán Carlos é unha decisión que lle compete a el

O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, dixo que a decisión de que volva o rei Xoán Carlos a España lle compete exclusivamente a el e á Casa Real.

"A decisión do rei emérito de se regresa ou non a España depende exclusivamente de el. O Goberno nunca lle impediu e nunca lle denegou a entrada a España", remarcou Bolaños, antes de lembrar que, de feito "vén a España cando así o decide". O ministro apuntou que en ningún caso lle compete "nin o Goberno nin moito menos ao xefe da oposición" decidir sobre este asunto.

Rufián: "Os delincuentes, mellor fóra que dentro"

O portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, referiuse este xoves ás declaracións do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, nas que expresaba o seu desexo de que volvese a España o rei emérito, para sinalar: "Os delincuentes, mellor fóra que dentro".

Sobre estas declaracións tamén se pronunciou o portavoz de IU no Congreso, Enrique Santiago, quen dixo que Feijóo está cada día "máis desorientado", antes de engadir que "o rei emérito obviamente non ten ningunha prohibición de volver a España, pero converteuse nunha auténtica vergoña para este país".

Para a portavoz de Sumar, Verónica Barbiro, a volta do rei Xoán Carlos non lle parece "relevante" neste momento e puxo o foco na necesidade de seguir dando "transparencia" ao que ocorreu no 23F.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade