Inicia a tramitación a lei contra a violencia dixital, que a oposición ve "insuficiente"
O conselleiro de Cultura presenta na Cámara o Plan de Normalización Lingüística consensuado polo PP e o PSdeG
O proxecto de lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia iniciou este martes a súa tramitación no pleno do Parlamento, entre críticas da oposición que considera a normativa proposta pola Xunta "insuficiente" e inconcreta en moitos aspectos.
Tanto o BNG como o PSdeG presentaron emendas á totalidade pedindo a devolución deste texto, que continuará a súa tramitación en comisión entre chamadas ao consenso do PPdeGalicia e da conselleira de Política Social, Fabiola García, quen asegurou que Galicia, con esta normativa, "toma a dianteira" xa que será a "primeira lei de España e de Europa" na materia.
García explicou que entre os obxectivos da futura lei está fixar os principios reitores de actuación contra o acoso e a violencia dixital; regular medidas de sensibilización, prevención e detección; promover a formación de todo o persoal público e as forzas e corpos de seguridade do Estado; e establecer medidas "de protección e apoio incondicional ás victimas".
Así, o texto inclúe establecer contidos formativos en competencia dixital nos currículos de todas as etapas formativas non universitarias, a aprobación dun Plan integral contra o acoso dixital, ou convenios con persoas ou empresas para que haxa mecanismos "áxiles e urxentes" de denuncia e retirada de contidos relacionados con estes casos de acoso e violencia.
Ademais, poñerase en marcha un servizo gratuíto de borrado da pegada dixital para suprimir material usado como instrumento de acoso e violencia que siga accesible na rede, e crearase un servizo gratuíto de asesoramento xurídico para as vítimas "accesible desde o primeiro momento sen necesidade de denuncia previa".
Deste xeito, a Xunta quere garantir asistencia xurídica gratuíta a todas as vítimas de violencia dixital "con independencia da súa idade ou xénero", o que se complementará con campañas de sensibilización para todos os públicos e por todo o territorio.
A oposición ve insuficiente o texto e pide a súa devolución
Desde o BNG, o deputado Daniel Castro criticou que a lei está chea de "promoverá e fomentará", pero falta que o Goberno galego "garantirá, asegurará e cumprirá", polo que lamentou que se trate dun texto feito para os titulares e "a hemeroteca" pero non para a sociedade.
Entre as carencias do proxecto, sinalou "un erro importante", xa que a abordaxe da violencia dixital dunha perspectiva transversal convértese en "unha escusa para disolver a especificidade da violencia machista", que está detrás da maioría dos casos.
"A violencia dixital contra as mulleres non pode aparecer como un apartadito máis", advertiu, á parte de reprochar a "absoluta ausencia de obxectivos, de prazos, e de recursos" do proxecto de lei para garantir os dereitos que defende.
A deputada do PSdeG Paloma Castro cualificou, así mesmo, a lei de "insuficiente", e "falta de xustiza social" e de recursos para protexer as vítimas, como ante as grandes plataformas dixitais.
Ao seu xuízo, a Xunta só apunta a "medidas preventivas", co establecemento de protocolos nos centros educativos pero "sen a concreción necesaria", co que a resposta dependerá dos recursos de cada centro, o que pode xerar "desigualdades territoriais e demoras incompatibles coa rapidez dixital".
A deputada do PPdeGalicia Raquel Arias, tras rexeitar as emendas da oposición á totalidade porque "non xustifican a paralización da lei", apelou á necesidade de acordo para a "unanimidade" de todos os grupos, que espera conseguir no debate en comisión e relatorio que agora afrontará o texto lexislativo,
A conselleira de Política Social xa apelara, ao cabo da súa intervención, ao consenso e reclamado aos grupos da oposición "acordos que vaian máis aló das ideas" para facer desta lei un "espazo de encontro" que siga facendo de Galicia "un lugar cada vez máis seguro e igualitario, o mellor lugar do mundo para vivir".
No pleno comparecerá o conselleiro de Cultura José López Campos para presentar a actualización do plan de normalización lingüística, consensuado polo PPdeG e o PSdeG. Quedará aprobado este mércores.