Feijóo di que a sentenza a Ábalos condena o Goberno e esixe eleccións inmediatas
Feijóo dixo que Ábalos "non chegou só, non se nomeou só, non se deu poder a si mesmo", senón que foi Sánchez quen o converteu "na súa man dereita" e quen o puxo a cargo da organización do seu partido
O PSOE defende que "quen a fai, a paga" e cuestiona que Aldama non entre en prisión
ERC reclama ao PSOE que faga "limpeza" tras a condena a Ábalos
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este luns que a sentenza a 24 anos de cárcere ao exministro de Transportes José Luis Ábalos condena o Goberno de Pedro Sánchez, pediulle ao presidente que asuma as súas "responsabilidades políticas" e esixe eleccións inmediatas.
Nunha conferencia de prensa, Feijóo dixo que Ábalos "non chegou só, non se nomeou só, non se deu poder a si mesmo", senón que foi Sánchez quen o converteu "na súa man dereita" e quen o puxo a cargo da organización do seu partido.
Por iso, afirmou, hai "responsabilidades políticas" desta sentenza, e a única saída do Gobierno é a convocatoria de eleccións. "Nesta situación deste colapso só se sae convocando eleccións xerais de forma inmediata", afirmou o líder do PP.
O Tribunal Supremo condenou o exministro de Transportes e exdirixente socialista José Luis Ábalos a 24 anos e 3 meses de cárcere -cun máximo de cumprimento de 16 anos e medio- por comisións na compra de máscaras en pandemia, no ano 2020, e pola contratación irregular de varias mulleres en empresas públicas.
Segundo Feijóo, a sentenza de hoxe é unha condena ao Goberno de Sánchez polo exercicio dun dos seus ministros e un episodio máis da "situación límite" e "incompatible coa normalidade democrática" que vive o Executivo.
Dixo que o PP respecta total e absolutamente a sentenza e que despois de que a xustiza falase é a política a que ten que falar. "Non cabe esconderse, non cabe esperar e non cabe manobrar", afirmou o líder do PP, quen insistiu en que non vai presentar unha moción de censura se non ten a maioría suficiente da Cámara para que saia adiante.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cre que a sentenza debe ter consecuencias políticas. Di que é o momento de que os cidadáns poidan opinar
O PSOE defende que "quen a fai, a paga" e cuestiona que Aldama non entre en prisión
A portavoz do PSOE, Montse Mínguez, defendeu este luns, tras coñecer a sentenza a 24 anos de cárcere ao exministro de Transportes, José Luis Ábalos, que quen cometa delitos, "pague" ante a Xustiza, pero cuestionou a suspensión da pena ao comisionista Víctor de Aldama "porque así o pediu o PP".
Nese sentido, preguntou se en España "sae a conta ser corruptor" e asegurou que "custa entender" a decisión xudicial sobre o comisionista.
O seu compañeiro Óscar Puente, ministro de Transportes, ironizou coa, ao seu xuízo, "tremendamente aleccionadora" sentenza, que deu o "perdón" ao comisionista Víctor de Aldama ao facilitarlle non cumprir a súa condena.
"Védelo, nenos? Se cometedes delitos pero logo portádesvos ben e 'colaborades', o perdón abrirase paso e con que nos presentedes un informiño de nada nin entrades en prisión. É unha sentenza tremendamente aleccionadora", sostén Puente .
O PSOE defendeu este luns que actuou "desde o primeiro minuto" contra o exsecretario de Organización do partido José Luis Ábalos e sinalou ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, por "gardar silencio" ante o caso da parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
ERC reclama ao PSOE que faga "limpeza" tras a condena a Ábalos
A secretaria xeral e portavoz de ERC, Elisenda Alamany, reclamou este luns ao PSOE que faga "limpeza" e non se "limite a culpar ao árbitro, que non é neutral", tras a condena de máis de 24 anos de cárcere ao exministro de Transportes e exdirixente socialista José Luis Ábalos.