O xuíz do caso Koldo cita como imputado un garda civil encargado da seguridade en Transportes
O subtenente José Luis Rodríguez García, de orixe galega, declarará o próximo 8 de xullo
Na súa declaración como testemuña asegurou que Aldama subía á planta onde estaba o ministro "sen pedir permiso a ninguén"
A. Pérez Meca/Europa Press
O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno chamou a declarar como imputado no caso Koldo o próximo 8 de xullo ao subtenente da garda civil José Luis Rodríguez García, destinado para funcións de seguridade no Ministerio de Transportes e que declarou como testemuña no xuízo polo caso máscaras no Tribunal Supremo.
O nome de Rodríguez xa figuraba na querela que a Fiscalía Anticorrupción presentou en setembro de 2023 contra sete persoas e que deu orixe a unha causa que estalou meses despois, en febreiro de 2024, coa detención de, entre outros, o exasesor ministerial Koldo García.
Ismael Moreno, que leva a parte da investigación que non asumiu o Tribunal Supremo, citouno o mesmo día que declarará un representante da empresa clave do caso, Soluciones de Gestión, adxudicataria dos contratos públicos de material sanitario en pandemia que están baixo sospeita.
Segundo a investigación desta causa, Rodríguez mantivo reunións co exasesor do Ministerio Koldo García entre 2022 e 2023, e hai "indicios do seu coñecemento e posible participación" nos feitos. En opinión dos investigadores, este garda civil é unha "peza clave na xestión dos contratos investigados".
Na súa declaración no xuízo ao ministro José Luis Ábalos, o seu asesor Koldo García e o comisionista Víctor de Aldama, este garda civil relatou que este último "tiña acceso permanente" en Transportes e "subía" á planta onde estaba o ministro "sen pedir permiso a ninguén" e "sen ninguén dicirlle nada".
O subtenente negou con rotundidade ser "ningún nexo de unión" coa empresa Soluciones de Gestión e Aldama, como sospeitan os investigadores. "Iso é absolutamente incerto", manifestou.