Feijóo cre que é Sánchez o que "xoga coas cartas marcadas" usando o fiscal xeral en contra do PP
Feijóo cre que é Sánchez o que "xoga coas cartas marcadas" usando o fiscal xeral en contra do PP
Os socialistas ratificaron este xoves o comentario informal de Pedro Sánchez cos xornalistas onte na Moncloa. O presidente considera que o PP "xoga coas cartas marcadas", coa axuda, di, dalgúns xuíces.
Para Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, "o PP fai oposición utilizando as accións dalgúns xuíces, accións raras".
Os socialistas apuntan ao xefe de gabinete de Ayuso, Miguel Ángel Rodríguez. Para Enma López, secretaria de Política Económica do PSOE, "cando menos é rechamante que este xefe de gabinete, no seu tuiter, anuncie resolucións xusto antes de que vaian suceder".
O socio da coalición, Sumar, cre que hai que reformar o sistema xudicial. Para o seu deputado Enrique Santiago, "está claro que neste país temos un problema serio co poder xudicial e hai que acometer serias reformas".
Dende Podemos, a súa secretaria xeral Ione Belarra considera que hai "xuíces corruptos que non poñen sentenzas, senón que fan política", e dá varios nomes.
Pola súa banda, Junts di que leva anos denunciando unha falta de independencia xudicial que os socialistas, semella, acaban de descubrir. "Parece que che ten que tocar a ti para que vexas as cousas", apuntou Míriam Nogueras nunha entrevista en TVE:
O aludido, o PP, pídelle ao presidente do Goberno "responsabilidade". Alberto Núñez Feijóo cualifica o sucedido de "gravísimo" e asegura que "se hai alguén que está xogando coas cartas marcadas, sen dúbida, é a Fiscalía xeral do Estado, que utiliza unha información xudicial para facerlle oposición ao meu partido".
Tamén se pronunciaron as asociacións maioritarias de xuíces. Aseguran que non existe conivencia co PP, que só cumpren coa súa obriga e reclaman que os deixen traballar sen presións.