Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo marca distancias con Vox pero non descarta pactos

Feijóo marca distancias con Vox pero non descarta pactos

O aínda presidente da Xunta e do PPdeG ábrese a acordos de Estado con Sánchez "sempre que sexan constitucionais"

Sobre a remuda no Partido Popular de Galicia e na Xunta, asegura que se abrirá o proceso despois do Congreso, a partir do 3 de abril

Alberto Núñez Feijóo na reunión do Consello da Xunta que se celebrou este xoves en Ourense
G24.gal 03/03/2022 09:55

Alberto Núñez Feijóo volveu falar este xoves á mañá, despois de confirmarse como precandidato a presidir o Partido Popular.

Di que non elixiu o momento, pero que tiña que dar un paso adiante por responsabilidade. E para pechar a crise do partido. "Neste momento, a miña obriga institucional, a miña obriga moral e tamén a miña obriga como militante do Partido Popular é poñerme á disposición do partido", afirmou nunha entrevista na cadea Cope.

"Desencadeouse unha crise, e esa crise creo que podemos concluíla e mirar cara ao futuro", asegura Feijóo, quen cre non poden perder máis tempo en cuestións internas "cando temos o peor Goberno da historia de España".

Feijóo ábrese a pactos de Estado con Sánchez sempre que sexan constitucionais. Se as propostas do Goberno son nesa dirección: "É evidente que temos a obriga de escoitar, estudar e reflexionar estas propostas, aínda que, polo momento, non tivemos esas propostas nunca". Ao seu xuízo, Pedro Sánchez non é capaz de alcanzar certos consensos dentro do Consello de Ministros.

"Pero se Pedro Sánchez é capaz de chegar a pactos internos" dentro do seu Goberno, "o PP estará sentado e será o último en levantarse para tentar pactar algunhas cousas que son moi importantes para o noso país", sostivo Núñez Feijóo.

Feijóo nun momento da entrevista Feijóo nun momento da entrevista

Posibles pactos con Vox

Feijóo tamén quixo marcar distancias con Vox, pero ao mesmo tempo non pechou a porta a pactar coa formación de Santiago Abascal. Di que non comparte o seu discurso porque o Partido Popular non é antiautonomista nin euroescéptico nin populista.

Núñez Feijóo insistiu en que "o PP e Vox non son o mesmo en ningún caso" porque os populares non son un partido "populista que cuestiona as institucións do noso país",  cre que canto máis forte estea Vox máis posibilidades ten Sánchez de seguir na Moncloa e pide combatelo unindo o voto do centrodereita.

A pesar diso, asegurou que ten "un profundo respecto á inmensa maioría dos votantes de Vox, porque antes votaban o PP" e, precisamente, ese é un dos principais problemas da súa formación: "Que a xente se nos foi".

Mesmo con estas diferenzas, o aínda líder dos populares galegos non descartou chegar a acordos con esta formación nalgunha comunidade autónoma a pesar das críticas que esta decisión puidese suscitar.

Na súa opinión, "a esquerda non está lexitimada" para criticar que un partido chegue a unha coalición con outra formación distinta porque "para poder dar leccións, hai que dar exemplo" e o PSOE de Pedro Sánchez non as deu xa que chegou ao Goberno apoiado por formacións que "pretenden destruír a Constitución, a transición e a convivencia de España".

Sobre a remuda no Partido Popular de Galicia e na Xunta, asegura que se abrirá o proceso despois do Congreso Extraordinario do PP en Sevilla, a partir do 3 de abril. Para daquela, dixo: "A partir de aí empeza a necesidade de elixir un presidente da Xunta e do PPdeG, e fareino co mesmo compromiso que mantiven cos galegos durante todos estes anos".  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade