Feijóo: "Os presidentes virán a Santiago falar dos cidadáns, non como militantes"
O presidente da Xunta defende a reunión de mandatarios autonómicos para falar de financiamento por riba das cores políticas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confía en que a reunión dos oito mandatarios das comunidades máis despoboadas (cinco do PSOE, dous do PP e o do Partido Rexionalista de Cantabria) que convocou en Galicia para o 23 de novembro será para falar dos problemas dos cidadáns por riba das cores políticas.
"Aquí vense representar os cidadáns"
"Aquí non se vén representar o PSOE, o PP ou o Partido Rexionalista Cántabro, aquí vense representar os cidadáns. Coñézoos e sei que van vir a Santiago falar como presidentes autonómicos e non como militantes de partidos políticos, porque senón loxicamente non os convocaría", afirmou Feijóo.
O presidente da Xunta desvincula este encontro do que van celebrar os baróns socialistas. Sobre esa xuntanza, convocada en Ferraz para mañá polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo que é "unha decisión do PSOE" a de reunirse "cos seus presidentes para falar dos temas importantes", un deles o financiamento autonómico.
Pero, a reunión prevista en Santiago de Compostela con Asturias, Cantabria, A Rioxa, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón e Estremadura é de presidentes autonómicos, "sen pedirlle o seu carné, a súa afiliación ou a quen representa", insistiu, polo que non van ir a Santiago de Compostela en nome dun partido, senón "representar os cidadáns que viven nas oito comunidades".