Familiares do mozo vigués electrocutado nun eólico en Burgos din que os detidos "non teñen a culpa"
Consideran que os dous arrestados, amigos da vítima e que xa foron postos en liberdade, son inocentes
Os achegados do mozo falecido explicaron que os tres estaban no aeroxerador para realizar fotografías
Familiares de Yibrán Javier Rodríguez, o vigués que morreu o xuño pasado electrocutado dentro dun eólico en Burgos, consideran "inocentes" aos dous amigos do mozo que se atopaban con el o día dos feitos e que foron arrestados pola Garda Civil como presuntos autores dun delito de homicidio imprudente.
A nai e a irmá da vítima afirmaron que os detidos, de 25 e 31 anos de idade, "non teñen a culpa" do ocorrido, explicando que os tres se atopaban na zona de Quintanilla Sobresierra, en Burgos, para realizar fotografías.
A familia nega o reto viral
Segundo explicaron a Europa Press, Yibrán practicaba urbex, unha disciplina artística que busca fotografar lugares construídos polo ser humano abandonados, en ruínas ou de difícil acceso. Desta maneira, quixeron desmentir que se tratase dun reto viral. A familia do mozo, que tiña 23 anos, reivindicou que Yibrán pretendía deixar un legado fotográfico con fotos "diferentes, impactantes". Por iso, segundo a información da que dispoñen, subliñan que o mozo entrou de forma premeditada no aeroxerador, baseándose nunha investigación previa que realizara sobre o funcionamento destas infraestruturas.
Ademais, insisten en que "non era un vándalo", polo que trataba de deixar tal e como se atopaba todo aquilo que fotografaba. Desta maneira, explican que os seus amigos pechasen a reixa de ventilación pola que o mozo accedeu ao interior do muíño, co obxectivo de non causar danos.
A idea dos rapaces, insiste a familia, era que Yibrán lles abrise a porta principal do aeroxerador desde dentro, xa que os muíños dispoñen dun sistema de seguridade que si permite abrila desde o interior. Con todo, o mozo faleceu electrocutado, ao ter o muíño o xerador eléctrico abaixo, non como os que estudara a vítima, explican os familiares, tras atopar vídeos no ordenador do falecido.
A nai mostrou o seu "shock" ao coñecer a detención dos amigos do seu fillo, que finalmente foron postos en liberdade tras declarar ante a Garda Civil, segundo dixo. A familia non presentará cargos contra eles ao consideralos "inocentes".