Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falecen un brigadista e un veciño nun incendio en Tábara (Zamora)

Falecen un brigadista e un veciño nun incendio en Tábara (Zamora)

O brigadista é Daniel Muñoz Varas, nacido en 1959 e veciño de Ferreras de Abaixo (Zamora), e deixa muller e dúas fillas

O corpo sen vida dun veciño foi atopado nunha zona de monte que se queimou no incendio forestal declarado este domingo en Losacio

Os incendios en Castela e León obrigaron a cortar a liña de Ave entre Madrid e Galicia

G24.gal 18/07/2022 07:39 Última actualización 18/07/2022 14:39

A Xunta de Castela e León decretou loito oficial na comunidade autónoma durante a xornada do luns polo falecemento este domingo a última hora da tarde dun brigadista que quedou atrapado polo lume en Ferreruela de Tábara, nun incendio que se declarou pola tarde en Losacio (Zamora).

O incendio obrigou suspender a circulación da liña do AVE entre Madrid e Galicia pola proximidade das lapas.

O Goberno castelán-leonés lamentou a morte en acto de servizo de Daniel Muñoz Varas, traballador do operativo público de incendios cando facía labores de extinción no incendio de Losacio, provincia de Zamora. O Executivo autonómico expresou as súas condolencias aos familiares e achegados da vítima polo triste suceso e declarou loito oficial a xornada do luns.

O presidente de Castela e León Alfonso Fernández Mañueco asegurou en Twitter estar "afectado pola morte en acto de servizo deste brigadista" e transmitiu o seu "agarimo e total apoio" á súa familia e compañeiros. Tamén o presidente do Goberno Pedro Sánchez expresou a través das redes sociais o seu pesar e agarimo á familia e compañeiros do brigadista e agradeceu o labor de quen loita fronte ao lume sen descanso.

O falecido é Daniel Muñoz Varas, nacido en 1959 e veciño de Ferreras de Abaixo (Zamora), que deixa muller e dúas fillas. O alcalde de Ferreras de Arriba e exalcalde durante dúas décadas de Ferreras de Abaixo Gregorio San Pedro transmitiu as súas condolencias á familia do brigadista e destacou que o falecido era unha gran persoa e moi deportista, xa que facía con frecuencia traxectos en bicicleta de 50 e 60 quilómetros ao día. 

 A loita contra o lume segue tamén en Estremadura, o presidente do Goberno visitou unha das zonas náis afectadas na localidade de  Casas de Miravete.

Dentro do Goberno hai voces que piden optimizar os servizos de extinción. A vicepresidenta primeira, Yolanda Díaz e a ministra de Igualdade, Irene Montero, din que hai marxe para facelo.

En Cataluña, en só oito horas queimáronse unhas 1.200 hectáreas no incendio do Bages, onde o lume alcanzou dezasete vivendas e en Andalucía máis dun cento de efectivos traballan no control do incendio de Mijas. España amenceu este luns con 22 incendios activos e unhas 2.300 persoas desaloxadas. O lume leva arrasadas máis de 20.000 hectáreas en todo o país.

A segunda vítima é un veciño da zona, de 69 anos

O corpo sen vida dun veciño foi atopado nunha zona de monte que se queimou no incendio forestal declarado este domingo en Losacio (Zamora), co que é a segunda vítima mortal neste lume despois de que onte falecese un brigadista do operativo de extinción.

O segundo cadáver atopárono este luns nunha zona de monte de Escober de Tábara, onde o falecido tiña unha gandería de ovino, segundo confirmaron fontes da Garda Civil. O corpo sen vida foi atopado no monte, sen que se puidese determinar aínda a causa exacta da morte. Presuponse, emporiso, que está relacionada directamente co incendio.

O lume, que entrou na Serra da Culebra de Zamora, causou ademais queimaduras a outros dous traballadores do operativo de extinción e dúas persoas que eran evacuadas foron feridas ao sufrir un accidente de tráfico durante a evacuación. O incendio obrigou tamén a cortar a liña ferroviaria do AVE Madrid-Galicia entre Zamora e Pobra de Seabra e a estrada Nacional 631.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade