Falece o músico e compositor galego Piti Sanz
Tiña cinco premios Mestre Mateo
A Asociación de Actores lamentou o pasamento dun artista "de referencia no panorama galego e actor cunha estreita vinculación co teatro galego"

Faleceu o músico, compositor e actor galego Piti Sanz, con cinco premios Mestre Mateo no seu haber. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia emitiu un comunicado no que lamentou a morte dun artista "de referencia no panorama galego e actor cunha estreita vinculación co teatro galego".
"O seu traballo como compositor e a súa presenza en escena en multitude de obras de teatro, así como en producións audiovisuais, déixanos unha pegada indeleble no gremio", destacan, remarcando ademais que abriu "un camiño fundamental" no teatro á presenza de músicos en escena, "ofrecendo música en vivo e unha forma diferente de interpretación".
Durante a súa traxectoria, Piti Sanz traballou con compañías como Ollomoltranvía, Mofa e Befa e Producións Teatrais Excéntricas.
Foi finalista ademais dos Premios de Teatro María Casares en nove ocasións e, en dúas fíxose co galardón na categoría de música orixinal: Finis Mundi Circus, de Mofa e Befa, en 1999, e Ñiquiñaque, de Ollomoltranvía, en 2002.
Compuxo a música en obras como Policía, Sempre ao lonxe, Un cranio furado, Oeste solitario e O Auto do Castromil. Entre os seus últimos traballos escénicos está Monstros, de Producións Teatrais Excéntricas, obra gañadora do Premio ao mellor espectáculo infantil.
Para audiovisual, compuxo as bandas sonoras de Mataharis, Entre Bateas, 18 comidas, A noite que deixou de chover e Os fenómenos. Tamén para series como Terras de Miranda, O Nordés e Era Visto!.