Falece Jorge Martínez, líder da banda Ilegales
Foi el mesmo quen anunciou o 19 de setembro que debía someterse a un tratamento contra o cancro e que se vía obrigado a suspender todos os concertos por tempo indefinido, tras publicar este mesmo ano o seu décimo terceiro disco Joven y arrogante
Jorge Ilegal, Jorjón, levaba máis de 40 anos á fronte dunha das bandas lendarias do rock en español e era un dos poucos da súa xeración que seguía en activo
Ricardo Rubio / Europa Press
O vocalista, guitarrista e líder da banda Ilegales, Jorge Martínez, faleceu este martes aos 70 anos no Hospital Universitario Central de Asturias, en Oviedo, onde levaba varias semanas ingresado por un cancro que o pasado setembro o obrigou a cancelar todos os seus concertos, confirmaron a EFE fontes discográficas.
Foi el mesmo quen anunciou o 19 de setembro que debía someterse a un tratamento contra o cancro e que se vía obrigado a suspender todos os concertos por tempo indefinido, tras publicar este mesmo ano o seu décimo terceiro disco Joven y arrogante.
Jorge Ilegal, Jorjón, levaba máis de 40 anos á fronte una das bandas lendarias do rock en español e era un dos poucos da súa xeración que seguía en activo.
"O aliciente de seguir cun grupo despois de 40 anos consiste en arriscar a pesar de dar cunha fórmula que funciona e tratar de non sacar sempre o mesmo disco”, sinalaba o líder da banda ao anunciar no mes de febreiro o lanzamento do seu último traballo. "Non por inesperado ou previsible foi menos duro. Era un tipo de gran fortaleza que quería vivir", sinalaron a EFE na distribuidora Ataque.
"¡Hola, mamoncete!", "Problema sexual", "Tiempos nuevos, tiempos salvajes" ou "Yo soy quien espía los juegos de los niños", todos eles éxitos a principios dos oitenta, seguen soando corenta anos despois de que un grupo no que ninguén cría, segundo aseguraba o seu líder, revolucionase a incipiente escena do rock en español con temas influídos pola nova onda ou o afterpunk, pero tamén pola fusión de rock, pop e reggae que expuñan artistas como Joe Jackson, Code Blue, Fisher Z ou The Police.
Ilegales publicou en 1981 un álbum compartido co resto de grupos gañadores do concurso Primeira Mostra de Pop Rock de Asturias, tras o que a Sociedade Fonográfica Asturiana, que xa editara ese primeiro traballo, propuxo ao grupo gravar un disco en solitario que a punto estivo de quedar no camiño pola eterna tendencia da banda a facer da provocación o seu estilo.
A interpretación de "Heil Hitler", actuando como abreconcertos de Miguel Ríos dexenerou nunha enorme rifa que puxo en risco o proxecto, pero a gravación de Ilegales seguiu adiante, e un disco repleto de insolencia chegou ao mercado editado por Hi-Fi Electrónica, un grande éxito de vendas para unha pequena discográfica que se multiplicou cando, dous anos despois, Epic o reeditou tras incorporar a Ilegales ao seu catálogo coa mediación de Víctor Manuel.
Unha banda que nos seus inicios se financiou practicando a delincuencia de baixa intensidade e en que a violencia formaba parte do proxecto, segundo rememora o membro fundador e batería orixinal David Alonso. Tamén viu como un disco supervendas e a banda máis exitosa do momento se convertía nunha especie de grupo maldito a ollos dos medios de comunicación e do gran público.
Co seu son directo e o seu estilo provocador continuaron sacando discos como Agotados de esperar el fin (1984), Todos están muertos ou Chicos pálidos para la máquina, cunha banda cuxa composición foi variando ao longo dos anos, pero na que a personalidade irresistible de Jorge, un tipo de 1,90 de estatura, calvo e ataviado coa súa clásica chaqueta de coiro negro e vaqueiros, sempre foi a alma.