Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece aos 87 anos o escritor e académico Salvador García-Bodaño

Falece aos 87 anos o escritor e académico Salvador García-Bodaño

G24.gal 07/03/2023 10:51 Última actualización 07/03/2023 11:39

O escritor e académico da RAG, Salvador García-Bodaño Zunzunegui, faleceu este martes en Santiago de Compostela aos 87 anos de idade

Nado en Vigo o 17 de xullo de 1935, García-Bodaño é unha das figuras máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX.

A Real Academia Galega expresa o seu pesar polo seu pasamento e di del que soubo, "coma poucos, erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador", en palabras do tamén académico e compañeiro de xeración Arcadio López-Casanova (1942-2022).

A pesar dese nacemento en Vigo, a súa vida e traxectoria literaria desenvolveuna practicamente na súa totalidade en Compostela, a onde se trasladou a súa familia pouco despois do seu nacemento.

Foi na capital do país onde se deu a coñecer como membro da xeración das Festas Minervais, certame no que foi premiado en vairas edicións, anticipando o poeta que sería por enriba de todo.

O seu ingreso na RAG produciuse en novembro de 1992 cun discurso titulado Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá, que foi respondido por Carlos Casares. Como membro da Academia foi vicesecretario entre os anos 2001 e 2009 durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro.

A propia RAG destaca del ser un autor "de produción moi reflexiva e espazada nas publicacións", que "mantivo unha intensa produción xornalística, cultivou a tradución e foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura"

Da súa obra poética, traducida a varios idiomas e recollida e numerosas antoloxías, pódense destacar obras como Ao pé de cada hora (1967) ou Tempo de Compostela (1978), recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. En 1993 publica e Obra poética toda a súa produción anterior e na que recolle un cancioneiro inédito: Poemas de amor a Xulia.

En canto á súa produción narrativa sobresae por enriba das demais Os misterios de Monsieur D'Allier (1992), que un ano despois da súa publicación obtivo o Premio da Crítica Española de narración en lingua galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos