Falece Ángel Martínez, Lito, coñecido como o 'rei das orquestras'
Morreu tras precipitarse da ponte da Barca, en Pontevedra
A investigación apunta a un suicidio

O empresario Ángel Martínez Pérez, Lito, coñecido como o 'rei das orquestras', faleceu este xoves en Pontevedra aos 58 anos.
Lito morreu tras precipitarse desde a ponte da Barca en Pontevedra. A investigación, da que se encarga a Garda Civil, apunta a un suicidio.
O empresario, que chegou a representar as principais orquestras de Galicia, sufría problemas de saúde. Padecía unha enfermidade neurolóxica dexenerativa que dificultou a súa presenza nos procesos xudiciais abertos contra el por delictos fiscais.
En novembro suspendeuse unha desas causas, pola que lle pedían 35 anos de cadea e unha multa de 13 millóns, ao determinar os forenses que non estaba en condicións de afrontar os xuízos que tiña pendentes.
En xuño de 2020 fora condenado a dous anos e tres meses de cadea por delictos fiscais relacionados coa xestión irregular á fronte das orquestras, por defraudar máis de 320.000 euros no IVE de 2011 e 2012.