Publicador de contidos

Fabiola García: "Galicia é a comunidade que ten a maior taxa de matriculación de cero a tres anos"

Fabiola García: "Galicia é a comunidade que ten a maior taxa de matriculación de cero a tres anos"

A conselleira de Política Social e Xuventude destacou a gratuidade das escolas infantís de Galicia, para o que a Xunta conta cun orzamento de 55 millóns de euros

Novo modelo de residencias para unha maior calidade de vida creando espazos intelixentes

"A débeda do Goberno central con Galicia é de máis de 2.000 millóns de euros da 'factura' de atención a dependentes"

G24.gal 13/09/2023 10:53

Setembro é para a maioría o mes da recuperación e da volta ás rutinas habituais. Os últimos en facelo, esta mesma semana, foron os estudantes de todos os ciclos educativos, tamén universitarios, que volveron ás aulas en Galicia, pero días antes xa o fixeran os máis cativos, os nenos e nenas de 0 a 3 anos, que comezaron este curso 2023-24, o segundo na nosa comunidade coas escolas infantís de balde e con récord de matriculacións. Uns datos que debullou Fabiola García, conselleira de Política Social e Xuventude, no programa Bos días.

A conselleira dixo que subiu a matriculación en todas as escolas infantís de Galicia porque todas son gratuítas: as públicas, privadas, as de iniciativa social e as municipais. Ten un orzamento de 55 millóns de euros.

"É o segundo ano en que se aplica esta gratuidade da educación infantil, que beneficiou máis de 31.000 familias galegas, que permite poder conciliar, compatibilizar a súa vida persoal e laboral, pero tamén poder aforrar máis de 2.000 euros ao ano por poder levar o seu fillo ou filla á escola infantil da súa elección", afirmou Fabiola García.

"Galicia é a primeira comunidade coa maior taxa de matriculación, é dicir, de escolarización de nenos tan pequeniños como son os de 0 a 3 anos", asegurou a conselleira.

Durante as vacacións a Consellería de Política Social e Xuventude tamén promove os campamentos de verán como ferramenta para a conciliación. Unha campaña que está rematando co comezo do curso escolar.

"Pechamos o verán cun éxito importantísimo. Puxemos 11.200 prazas á disposición dos pais e nais. Necesitamos destes recursos de conciliación, onde os nenos e nenas xoguen e coñezan novas persoas, en cada recuncho de Galicia, mentres nas súas casas poden traballar", dixo García.

"Somos a primeira comunidade autónoma en número de prazas, rematamos os campamentos, os minicampamentos, os intercambios con outras comunidades autónomas e os campos de voluntariado. A xente está moi contenta a campaña de verán da Xunta é un referente en todas as familias galegas", segundo a conselleira.

Hai moitos nenos e nenas que quedaron sen poder ir aos campamentos, porque non había prazas suficientes para todos. Para os que non puideron ir a consellería proporciona unha achega, que é o Bono Concilia. Son máis de 300 euros para axudar a financiar un campamento privado, que se pode solicitar ata o 15 de setembro.

Dende a Xunta din que cren na familia e que queren dispoñer de máis recursos para as familias galegas, non só no verán, senón tamén durante o curso escolar.

"Financiamos a posta en marcha de máis escolas infantís. Acabamos de abrir unha convocatoria de máis de 34 millóns de euros, para todos os concellos de Galicia, para que poidan construír ou ampliar novas escolas infantís municipais. Despois de financiar a obra, seguirán mantendo a gratuidade", asegurou García.

Modelo Coidados, creando as residencias de maiores do século XXI

O departamento que dirixe Fabiola García tamén ten a responsabilidade da xestión dos recursos para as persoas maiores. As residencias son un dos piares fundamentais de atención. Despois da pandemia puxeron en marcha un novo plan o Modelo Coidados. Con isto queren facilitar o traballo dos traballadores e traballadoras e que as persoas maiores gañen en confort e seguridade.

"Botamos man dos usuarios e usuarias, dos traballadores e traballadoras, de familiares e persoas expertas no eido dos coidados. O novo modelo de residencias está baseado en que teñan maior calidade de vida, incorporar as vantaxes tecnolóxicas do século XXI, creamos en toda a rede pública cuartos, espazos intelixentes, instalando domótica, sensores e sistemas de alerta", afirmou a conselleira.

Fabiola García dixo que dende a Xunta crearon un censo de residentes, para ter un fluxo de información entre o Sistema Galego de Saúde, Sergas, e o Sistema Galego de Dependencia, para ter unha maior coordinación entre o eido social e o sanitario.

"Estamos traballando na creación de dous centros de coidados intermedios, que son residencias de tránsito entre un ingreso hospitalario, como pode ser por unha cirurxía, e que esa persoa volva á súa casa ou á súa residencia. Estamos transformando todas as residencias da rede pública autonómica creando espazos máis cómodos, máis confortables, comunidades de convivencia de 25 persoas para que a xente maior se sinta nos centros residenciais coma na súa casa", subliñou.

Cumio Europeo de Avellentamento e Despoboación de Lugo

A conselleira foi moi crítica coa celebración do cumio europeo en Lugo sobre o avellentamento en que a Xunta non participou, malia ser o organismo competente na materia.

"Somos os que percorremos cada recuncho de Galicia, falamos coas persoas e atendemos as súas necesidades con fondos propios. Facémolo co servizo de axuda no fogar con máis de 24.000 persoas maiores atendidas, a través do servizo de xantar na casa, unidades de coidados porta a porta, que prestan servizos gratuítos de podoloxía, de audioloxía e de estimulación da memoria e tamén a través da nova teleasistencia avanzada", resaltou.

Fabiola García dixo que o executivo central non quere que se coñezan os incumprimentos que deben a Galicia, como é a Lei de dependencia, a débeda de máis de 2.000 millóns de euros da "factura" de atención a dependentes ou a posta en marcha a nivel estatal dun modelo de residencias que non é aplicable en Galicia, polas súas características xeográficas e de dispersión e avellentamento.

"Se se aplica ese novo modelo de residencias, implicaría o peche inmediato de 8.000 prazas residenciais e a perda de 3.000 postos de traballo. Deixaremos que sigan falando e nós iremos facendo para atender todas as persoas que tanto traballaron e se sacrificaron para ter a Galicia que temos hoxe", afirmou a conselleira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Publicador de contidos