Publicador de contidos

Publicador de contidos

Exteriores convoca a responsable da embaixada de Israel polo arresto dos membros da flotilla humanitaria

Exteriores convoca a responsable da embaixada de Israel polo arresto dos membros da flotilla humanitaria

Israel detivo no mar preto das costas de Grecia 175 activistas de distintas nacionalidades, entre os que se atopa unha trintena de españois

A flotilla, con 58 embarcacións, zarpou de Barcelona o pasado 15 de abril para levar axuda humanitaria á poboación palestina

Global Sumud Flotilla/Handout via REUTERS
G24.gal 30/04/2026 16:49

O Ministerio de Asuntos Exteriores convocou "urxentemente" este xoves a encargada de negocios da embaixada de Israel en España para trasladarlle a súa máis enérxica condena polo arresto dos membros da Flotilla Global Sumud, na que hai españois.

Fontes do Ministerio que dirixe José Manuel Albares indicaron que a embaixada e o consulado de España en Israel, así como os da zona e a Unidade de Emerxencia Consular "están plenamente operativos e en contacto cos organizadores da flotilla".

Israel informou de que detivo no mar preto das costas de Grecia a 175 activistas de distintas nacionalidades, entre os que se atopan unha trintena de españois, segundo fontes da flotilla, cando viaxaban en dirección a Gaza.

As fontes da Global Sumud Flotilla aclararon que unha trintena dos detidos teñen pasaporte español e, deles, unha vintena residen en Cataluña.

Exteriores remarcou que Albares tamén "está a falar con homólogos" dos países que teñen membros na flotilla que foron arrestados por Israel.

Unha vintena de barcos interceptados

A través de redes sociais, un dos tripulantes, o bombeiro catalán Pau Pérez, que non foi detido, explicou que pasaron a noite tratando de fuxir de barcos israelís e que unha vintena de embarcacións foron interceptadas, xunto coa tripulación que viaxaba nelas.

"Non sabemos onde as levaron", denunciou Pérez, que pediu que "toda a sociedade saia a protestar para reclamar a súa posta en liberdade e romper todas as relacións co Estado sionista".

A flotilla, con 58 embarcacións e tripulantes de múltiples nacionalidades, zarpou de Barcelona o pasado 15 de abril co obxectivo de romper o bloqueo que sofre a Franxa de Gaza e entregar axuda humanitaria á poboación palestina.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade