Os Estados Unidos duplican a 50 millóns a recompensa pola captura de Maduro
Washington acusa o presidente de Venezuela de narcotráfico e terrorismo dende 2020
A DEA incautouse de 30 toneladas de cocaína e máis de 700 millóns en bens supostamente ligados ao mandatario

A fiscal xeral dos Estados Unidos, Pam Bondi, anunciou unha recompensa de 50 millóns de dólares (uns 42,8 millóns de euros) por datos que permitan deter o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro. Esta cantidade duplica a recompensa ofrecida ata agora, que xa fora incrementada a 25 millóns en xaneiro de 2025.
Os Estados Unidos imputaron a Nicolás Maduro en 2020, durante a primeira presidencia de Donald Trump, por presuntos delitos de narcotráfico e terrorismo.
A fiscal Bondi cualificou o mandatario venezolano como “un dos maiores narcotraficantes do mundo” e unha ameaza para a seguridade nacional estadounidense.
Segundo a fiscal, Maduro utiliza organizacións criminais como Sinaloa e o Cartel do Sol para introducir drogas letais e violencia nos Estados Unidos.
Segundo os datos do Departamento de Xustiza, a Administración de Control de Drogas (DEA) incautouse de 30 toneladas de cocaína que o departamento de Xustiza cre relacionadas con Maduro e os seus socios.
Estes movementos representan unha fonte principal de ingresos para carteis radicados en Venezuela e México.
As autoridades estadounidenses confiscaron máis de 700 millóns de dólares en activos vinculados a Maduro, dous avións privados e nove vehículos.
A fiscal xeral rematou o seu comunicado asegurando que "Maduro non escapará da xustiza e renderá contas polos seus crimes atroces".