Publicador de contidos

Publicador de contidos

Esta fin de semana é a colga do meco e o Oleiro en Xinzo

Esta fin de semana é a colga do meco e o Oleiro en Xinzo

Hai 250 olas feitas para a ocasión por un cacharreiro de Niñodaguia, a metade de antes da pandemia

O xogo das olas, para maiores e pequenos, comezará o domingo ao mediodía e continuará pola tarde

O sábado, entre lusco e fusco, é a colga do meco na praza Maior

G24.gal 11/02/2022 14:12

En Xinzo de Limia seguen quentando motores para o Entroido, e máis este ano tras pasar o 2021 sen a súa festa máis agardada por mor da pandemia. Esta segunda fin de semana é a colga do meco e o Oleiro, unha celebración con moita tradición.

250 olas feitas para a ocasión por un cacharreiro de Niñodaguia, a metade de antes da pandemia, repousan no museo do Entroido antes de acabar esnaquizadas contra o chan. A diferencia este ano é que o Oleiro será itinerante por todas as prazas da vila para evitar aglomeracións.

A orixe do oleiro remóntase a cando as casas non tiñan auga e ao ir buscala ás fontes, brincaban coas olas. Agora xogan homes e mulleres a botarse olas evitando que escachen xa que moitas están cheas de fariña, auga e viño.

O xogo das olas, para maiores e pequenos, comezará o domingo ao mediodía e continuará pola tarde. Pero xa o sábado, entre lusco e fusco, é a colga do meco na praza Maior tras unha comitiva ataviados con vestimentas de principios do século pasado e iluminando á vila con fachóns.

Dende o alto da praza Maior, o meco velará polos entroideiros ata que remate coa piñata o ciclo do Entroido máis longo Esta fin de semana do oleiro é moi emocionante para os limiaos e máis este ano con música tradicional e baile galego polas rúas.

Este sábado sairán tamén os felos polas aldeas de Maceda, para facerlle trasnadas á veciñanza. Mofa e ledicia neste tempo de Entroido que, dun xeito diferente e con máis mesura polo virus, en Ourense xa estamos inmersos.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar