A expulsión de Moi Delgado facilita a vitoria do Español (3-0)
A expulsión de Moi Delgado facilita a vitoria do Español (3-0)
O Racing quedou con dez á media hora de partido
Braithwaite (2) e Pere Milla aproveitaron a situación para marcar os goles
O Racing perdeu no campo do poderoso Español (3-0) nun partido marcado pola expulsión do ferrolán Moisés Delgado á media hora.
Ata ese intre o equipo galego xogoulle de ti ao orzamento máis alto da categoría. De feito, a mellor ocasión tívoa Josep Señé cando rematou un centro de Carlos Vicente, pero Pacheco salvou o equipo catalán (min 20). O Español non daba superado o rival ata que o colexiado expulsou o lateral esquerdo.
O Racing comezou a sufrir. Avisou Cabrera cun remate de cabeza e foi Braithwaite no 41 o que marcou o primeiro gol do partido.
Nada máis saír do vestiario chegou o segundo, obra de Pere Milla, e aí rematou o partido. O Racing pelexou, pero con dous goles de desvantaxe era consciente de que sacar algo positivo de Cornellà era misión imposible. Cristóbal empezou a reservar xogadores chave e no 70 Braithwaite marcou o terceiro, o segundo da súa conta.
O dianteiro dinamarqués púxolle o ferrollo ao partido, en que o Español foi superior só a partir da expulsión.