Publicador de contidos

Publicador de contidos

España recibe a maior axuda internacional da súa historia para combater os incendios

España recibe a maior axuda internacional da súa historia para combater os incendios

Francia, Alemaña, Países Baixos, Eslovaquia, República Checa e Finlandia enviaron avións, helicópteros, vehículos e bombeiros para atallar o lume

A UME activa 1.400 efectivos e 50 medios aéreos operan a diario nas zonas en emerxencia

EFE/Xurxo Martínez
G24.gal 18/08/2025 17:27 Última actualización 18/08/2025 18:21

España recibe nestes días o maior continxente de axuda internacional da súa historia para frear os incendios que afectan varias comunidades.

Francia enviou dous avións Canadair e un centenar de bombeiros forestais; Italia achegou dous avións Canadair que operan desde a base de Matacán (Salamanca); e Países Baixos mobilizou dous helicópteros Chinook con capacidade de 7.000 litros, con base en León. Eslovaquia incorporará este martes un helicóptero BlackHawk de 3.400 litros en Cáceres e a República Checa achegará outro medio aéreo para a fronteira entre Galicia e Castela e León.

Alemaña mandou 66 bombeiros con 21 vehículos cara ao incendio de Jarilla (Cáceres) e Finlandia enviará 30 efectivos para reforzar a loita en Galicia. Ademais, un oficial de enlace do mecanismo europeo coordina sobre o terreo a despregadura internacional xunto á Dirección Xeral de Protección Civil.

Así o contou este luns a directora xeral de Protección Civil e Emerxencias, Virginia Barcones, tras a reunión do Comité Estatal de Coordinación (CECOD), presidida por Pedro Sánchez e con asistencia do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

Resposta do Goberno e medios estatais

O Executivo ten activado dende o 11 de agosto o Mecanismo Europeo de Protección Civil e pediu tamén colaboración ás comunidades menos afectadas, como Cataluña, País Vasco, Valencia, Navarra, Madrid ou Castela-A Mancha, que xa cederon medios aéreos e terrestres.

O comunicado emitido tras a reunión detalla que o Ministerio para a Transición Ecolóxica mobilizou 10 brigadas forestais e 50 aeronaves, que realizan descargas diarias.

A Unidade Militar de Emerxencias (UME) activou os seus 1.400 efectivos, despregados en 11 incendios graves, mentres que outros 2.000 militares dos tres exércitos prestan apoio loxístico.

Policía Nacional e Garda Civil manteñen operativos de desaloxo e confinamento das poboacións ameazadas, mentres que o Servizo Aéreo da Garda Civil colabora nas tarefas de avaliación e control da evolución dos incendios máis graves.

Protección Civil tamén destacou a activación do sistema ES-Alert polas comunidades autónomas, con mensaxes que van desde recomendacións de precaución ata ordes de confinamento e evacuación de municipios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade