Publicador de contidos

Publicador de contidos

España ocupa o cuarto posto mundial en obesidade infantil e a tendencia segue en aumento

España ocupa o cuarto posto mundial en obesidade infantil e a tendencia segue en aumento

Calcúlase que a mediados deste século a metade dos menores de 14 anos en España terán sobrepeso ou obesidade

O Goberno central quere prohibir a venda de refrescos, bolería industrial ou bebidas enerxéticas en máquinas expendedoras dos centros escolares

En 2050 case a metade dos nenos e adolescentes terán sobrepeso e obesidade
G24.gal 04/03/2025 16:46 Última actualización 04/03/2025 17:37

O de que a obesidade é a pandemia do noso tempo non é nada novo, pero lonxe de reverter a situación, todo apunta a que as seguintes xeracións padecerán aínda máis este problema.

Calcúlase que a mediados deste século, a metade dos menores de 14 anos en España terán sobrepeso ou obesidade. Un dato que nos sitúa no cuarto posto a nivel mundial entre os países con máis incidencia deste problema entre os máis novos.

Os expertos alertan da importancia de activar medidas que conduzan a un cambio de hábitos, como a que ultima o Goberno central, que quere prohibir a venda de refrescos, bolería industrial ou bebidas enerxéticas en máquinas expendedoras dos centros escolares. A idea é que sexan lugares libres de comida lixo.

O estilo de vida e o ambiente condicionan en boa medida a nosa saúde, xa dende idades temperás. Os bos ou malos hábitos terán tanto ou máis peso que a propia xenética á hora de padecer certas enfermidades. Tamén a obesidade, que os expertos consideran unha doenza multifactorial e crónica.

"Perdemos adherencia aos nosos estilos de vida tradicionais, ás nosas dietas tradicionais, á actividade física e tamen garda relación con que  a maior discriminación social nestes momentos é esta enfermidade xa que afecta aos grupos máis vulnerables", explicou Rosaura Ulises, Unidade de Nutrición de Pediatría do CHUS.

Falamos das familias con rendas máis baixas e, por tanto, con peor acceso a produtos frescos e saudables. Se as previsións dos expertos se cumpren, en 2050 case a metade dos nosos nenos e adolescentes terán sobrepeso e obesidade, un problema que vai moito máis alá da báscula.

"Os nenos que teñen sobrepeso ou obesidade teñen xa enfermidades asociadas, posto que teñen cifras de colesterol e de tensión máis altas", afirmou Rosaura Ulises.

Reverter esta situación só é posible cun cambio de hábitos, dentro e fóra da casa.

"Saber alimentarse adecuadamente debe ser unha prioridade", indicou Luisa Álvarez, directora xerente de Fedepesca.

O Ministerio de Consumo ten no punto de mira as máquinas expendedoras dos colexios e institutos, de onde quere desterrar os ultraprocesados e os refrescos, unha medida enmarcada no propósito de que os centros escolares sexan lugares que fomenten unha dieta saudable.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade