Publicador de contidos

Publicador de contidos

España e Bélxica queren volver ás semifinais dun mundial

España e Bélxica queren volver ás semifinais dun mundial

Repetirán duelo en cuartos, coma no Mundial de México 86

Xogarán no Estadio Los Ángeles ás 21:00 hora española

G24.gal 10/07/2026 10:33 Última actualización 10/07/2026 12:32

España e Bélxica disputan hoxe o segundo partido de cuartos de final do Mundial. Tras a vitoria de Francia fronte a Marrocos (2-0), españois e belgas intentarán volver disputar as semifinais do torneo. No caso dos 'diaños vermellos', serían as súas terceiras semifinais mundialistas tras 1986 e 2018. No 86, en México, Bélxica derrotou a España na quenda de penaltis, tras o fallo de Eloy fronte a Jean-Marie Pfaff. No 2018, a 'xeración dourada' de Bélxica logrou o terceiro posto con Roberto Martínez de seleccionador. 

España acaba de eliminar a Portugal en 1/8, mentres que Bélxica acabou coa participación dunha das anfritioas, Estados Unidos. Son dous conxuntos distintos na súa forma de xogar. España busca dominar por medio da pelota, con moito xogo por dentro, pero aproveitando o potencial e o nivel dos xogadores de banda, en especial con Lamine Yamal. Será chave que España manteña o nivel defensivo que leva mostrando todo o campionato (única selección que non recibiu gol).

Bélxica, en cambio, é un equipo camaleónico. Adáptase ao que ten en fronte e ao contexto co que se atope durante o partido, intentando ser sempre moi verticais. O cadro mestura os últimos remanentes da 'xeración dourada' con futbolistas bos e con marxe de progresión, como Raskin ou De Cuyper. Rudy García, seleccionador belga, falou do combinado español como unha das favoritas do torneo, pero sen deixar de lado a plena confianza no seu equipo.

"Moitos consideran que nos van eliminar, pero eu confío moito en nós e en que estaremos en semifinais"

O seleccionador español, Luis de la Fuente, asegurou que "Bélxica é un equipo moi potente", destacando a presenza de gran parte do seu cadro de xogadores en clubs das grandes ligas europeas. Tamén falou de Lamine Yamal e do seu estado anímico actual.

"Se vedes a motivación que ten Lamine... Creo que agora é un xogador moi perigoso para os rivais porque está cunhas ganas e unha motivación que é o que tratamos de calmarlle. Que non se converta en ansiedade"

O partido será no Estadio Los Ángeles, campo onde Rams e Chargers disputan os seus partidos como local na NFL e onde España xa eliminou a Austria en 1/16. Ás 21:00 dará comezo o encontro.

Posibles 11 iniciais


España: Unai Simón; Pedro Porro, Cubarsí, Laporte, Cucurella; Rodri, Pedri, Olmo; Lamine Yamal, Oyarzabal, Baena

Bélxica: Courtois; Castagne, Mechele, Ngoy, De Cuyper; Vanaken, Raskin; Lukebakio, Tielemans, Trossard; De Ketelaere

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade