España autoriza a vacina de Novavax, que se fabrica no Porriño, para os non vacinados
Tamén se aprobou a selección de persoas para recibir o medicamento Evusheld para a prevención da covid–19

A Comisión de Saúde Publica aprobou este martes á tarde a vacina Novaxovid (Novavax), que se fabrica no Porriño. Recomenda esta vacina para persoas que aínda non estean inmunizadas ou que non completasen a pauta por alerxias a algún compoñente das outras vacinas autorizadas.
Tamén se aprobou o documento de recomendacións para seleccionar as persoas candidatas a recibir o medicamento Evusheld para a prevención da covid–19. Segundo a Comisión, serán "persoas de 18 anos ou máis con inmunosupresión grave que non respondan á vacinación e aquelas que a teñan contraindicada e que, ademais, teñen moi alto risco de enfermidade grave tras a infección por SARS-CoV-2".
Intervalos de vacinación
A Comisión de Saúde Pública actualizou a estratexia de vacinación engadindo as recomendacións xa acordadas en canto aos intervalos de vacinación tras pasar o virus.
O pasado 25 de xaneiro recomendou aos adultos vacinados que se infectasen de coronavirus esperar cinco meses desde que superasen a covid–19 para poñer a terceira dose, mentres que os nenos que aínda non recibisen ningunha só terán que administrar unha única dose ás oito semanas do contaxio e non ás catro.