Publicador de contidos

Publicador de contidos

Adeus á máscara no transporte público; onde segue a ser obrigatoria?

Adeus á máscara no transporte público; onde segue a ser obrigatoria?

A máscara segue sendo obrigatoria nos centros sanitarios, farmacias e residencias de maiores

Recoméndase o seu uso ás persoas vulnerables ou que presenten síntomas de infección respiratoria

Unha señora viaxa con máscara no transporte público. (EFE/Javier Etxezarreta)
G24.gal 08/02/2023 10:41 Última actualización 08/02/2023 15:26

Hoxe a máscara deixa de ser obrigatoria no transporte público. Tampouco fará falta empregala en establecementos sanitarios como ópticas ou ortopedias, onde se mantivo obrigatoria o ano pasado cando se eliminaron de interiores.

Con todo, hai varios lugares en que Sanidade considera que o seu uso segue sendo indispensable. 

Esta nova medida mantén a obrigatoriedade da máscara nos centros sanitarios, farmacias e residencias de maiores, tanto para os traballadores cando estean en contacto cos residentes coma para os visitantes nas zonas compartidas. Tamén seguirá sendo obrigatoria nas clínicas dentais, de estética e fisioterapeutas.

Ademais, a Sociedade Española de Epidemioloxía non descarta o seu uso. Recoméndase que a utilicen as persoas vulnerables e aquelas que presenten síntomas compatibles coa covid-19 ou calquera tipo de infección respiratoria. Especialmente nos lugares pechados. 

A normativa foi publicada esta mesma mañá no Boletín Oficial do Estado (BOE). Segundo explica a ministra de Sanidade, Carolina Darías, supón "un paso máis" na resposta dada por España en función da situación epidemiolóxica.

Medida agardada

A maioría da xente que debe usar o transporte público a diario respira aliviada. Tiñan ganas de que a normalidade subise con eles ao tren, ao bus, ao taxi ou ao avión. 

Que non sexa obrigatoria non quere dicir que desapareza. O seu uso está recomendado para persoas vulnerables ou con síntomas de infección. Tamén hai quen prefire levala por precaución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade