Escotet: "O Deportivo non debe comprometer o seu equilibrio financeiro por ampliar Riazor"
Subliñou que xa realizaron “un esforzo extraordinario” co investimento de “máis de 100 millóns de euros” nos dous últimos anos

Juan Carlos Escotet, presidente do Deportivo, incidiu este mércores en que o club branquiazul “non pode nin debe comprometer o seu equilibrio financeiro” pola reforma de Riazor para ser unha das sedes do Mundial 2030.
“Empecemos dicindo que todo o que sexa bo para A Coruña, é bo para o Deportivo. Pero estamos ante un proxecto de enorme complexidade que esixe o cumprimento de requisitos estritos en materia de mobilidade, seguridade, sustentabilidade e impacto urbanístico. Neste contexto, o Deportivo non pode nin debe comprometer o seu equilibrio financeiro”, expuxo.
Nunha entrevista cos medios oficiais do club, lembrou que xa están a realizar “melloras significativas” no estadio co obxectivo de ofrecer “unha mellor experiencia de partido” aos seus afeccionados.
“Traballamos en accesibilidade, condicións de seguridade... e todas estas actuacións son perfectamente compatibles cunha posible remodelación do estadio a futuro que debe ser resolta polo propietario da instalación”, dixo en referencia ao concello.
Nese sentido, subliñou que xa realizaron “un esforzo extraordinario” co investimento de “máis de 100 millóns de euros” nos dous últimos anos, destinados, puntualizou, “a sanear o club e a construír un equipo competitivo”.
“Hoxe o estadio é o décimo con maior asistencia media de España, con preto de 22.000 espectadores de media por partido. Pensar en duplicar a súa capacidade non só carece de sentido práctico, senón que supoñería unha caída de ingresos por exceso de cabida durante o período de construción. Requiriría dun nivel de investimento que sería enorme existindo outras necesidades sociais”, explicou.
Por iso, o máximo accionista do Dépor non atopa “unha xustificación financeira” a duplicar a capacidade do estadio.