Escaseza de xeo en pleno verán: os fabricantes non almacenaron para aforrar luz
Os fabricantes non almacenaron produto pola suba dos prezos da electricidade
Din que fabricar e almacenar xeo custa máis do dobre, polo que tamén subiron os prezos
Convertiuse nun dos produtos máis buscados do verán. O regreso das festas, o turismo e a calor dispararon a demanda de xeo, os fabricantes non dan feito e as reservas escasean.
"Subiu a demanda e hai menos cantidade para servir, é imposible atender todo isto, chaman de toda Galicia e do resto de España, non damos feito", di Maite Fuentes, distribuidora de xeo en Arteixo.
A suba do prezo da luz fixo que os fabricantes decidiran non almacenar produto nos meses previos. As cámaras están practicamente baleiras e o xeo sae ao mercado nada máis facerse. Priorizan os clientes habituais e rexeitan pedidos novos.
"No inverno non almacenamos como de costume, porque custa moito máis almacenalo polo prezo da electricidade. Pasou igual en toda España, almacenamos o xusto para os nosos clientes e resulta que agora consumen o triplo", explica Manuel Amosa, xerente de xeos Amosa.
Bares, gasolineiras e supermercados compiten agora por conseguir xeo, aínda que sexa a maior prezo.
"Subiu a luz, o plástico, o gasóleo, tivemos que repercutir a suba e xa se pode ver en supermercados e gasolineiras", confirma Manuel.
Na súa fábrica coruñesa, a maior de Galicia, traballan arreo para aumentar a produción, pero din que é difícil chegar a todos e máis dun terá que tomar a bebida máis morna do que quixese...