Entroido de éxito en Ourense malia a pandemia
Bares e restaurantes, satisfeitos; moitos hoteis de Laza, Verín, Xinzo e da capital colgaron o cartel de completo
Os entroideiros e entroideiras ourensás alégranse de poder recuperar a súa festa preferida aínda que fose dun xeito distinto
Se non fose polas máscaras, as que preveñen o virus, non as de toda a vida, as que si nos gustan, o Entroido deste ano parecería o dun ano calquera, antes da pandemia. As rúas ateigadas para ver o desfile o domingo de Ourense. Había moitas ganas, e todos os recunchos entroideiros da provincia foron un fervedoiro.
Xente que veu de moitas localidades de Galicia e doutras comunidades para gozar do Entroido e que deixaron hoteis de Xinzo, Verín, Laza e Ourense completos. Como contan os xerentes de varios hoteis, que estiveron dende o xoves ao cen por cento.
Bares, pubs, taperías non deron abasto. Si botaron de menos os restaurantes, afeitos a servir o tradicional cocido a grupos grandes, o medo aínda e a limitación de dez comensais por mesas. Tiveron a metade de xente dun Entroido normal pero están, din os hostaleiros, moi satisfeitos coas ganancias feitas estes días.
Un Entroido diferente, sen varios actos que non se fixeron para evitar aglomeracións, pero que deron folgos á hostalaría e aos entroideiros que despois de dous anos difíciles puideron recuperar a algueirada e a retranca propia do Entroido. Hoxe toca despedilo como merece, cunhas boas choradeiras detrás da sardiña.