Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unai Sordo: "Hai que xerar un novo modelo laboral moito máis xusto"

Unai Sordo: "Hai que xerar un novo modelo laboral moito máis xusto"

"Reforma laboral vai haber", di o secretario xeral de Comisións Obreiras. "A cuestión é que reforma haberá"

"Ten que servir para cambiar o modelo laboral, marcado por altísimas taxas de precariedade e por un poder enorme que teñen as empresas que hai que corrixir"

G24.gal 22/11/2021 10:46

Unai Sordo, o secretario xeral de Comisións Obreiras, cre que a nova reforma laboral que se está negociando ten que "xerar un novo modelo máis xusto". Asegurouno este luns no 'Bos días', onde dixo que dunha forma ou outro "reforma laboral vai haber".

Non obstante, a mesa do diálogo social ten que avanzar e o tempo apura. Debe publicarse no BOE antes de finais de ano. Hai reticencias. Os empresarios e os sindicatos, por exemplo, non están de acordo coa proposta do Goberno sobre os novos ERTE. E como precedente, a patronal descolgouse na decisión da suba das cotizacións e o salario mínimo interprofesional.

"Reforma laboral vai haber", di Unai Sordo. "É un compromiso que o Goberno ten adquirido con Europa. Na mesa do diálogo social está quedando relativamente claro que se vai modificar con profundidade o Estatuto dos Traballadores.  A cuestión é que reforma haberá".

Comisións Obreiras marca a pauta do cre cre que debe ser: "Unha nova lexislación que ten que eliminar moitos aspectos da reforma laboral de Mariano Rajoy, e ten que servir para que o noso modelo laboral sexa moi distinto ao actual, marcado por altísimas taxas de precariedade no noso país e por un poder que teñen as empresas para modificar as condicións de traballo, os convenios colectivos, os pactos de empresa ou poder despedir ou irse dun territorio, teñen un poder enorme que hai que corrixir e precisamos unha reforma laboral para derrogar a anterior e xerar un novo modelo laboral moito máis xusto", asegura Sordo.

"Romper a dinámica de contratación precaria"

O secretario xeral de CC. OO. pensa que a reforma laboral que se está negociando "é moi ambiciosa porque estamos tratando de romper a dinámica da contratación precaria e temporal que leva instalada en España máis de 35 anos".

"En opinión de Comisións Obreiras, ademais de reducir a temporalidade habería que poñer limitacións aos despedimentos", asegura Sordo. "Habería que buscar fórmulas, nisto que chaman os novos ERTE, alternativas para que cando as empresas pasan por dificultades a opción máis difícil sexa despedir e adopten outras medidas como a adaptación temporal da xornada ou a redución. É dicir, buscar elementos que eviten estes despedimentos".  

"Ademais estamos falando de reequilibrar a negociación colectiva, porque a última reforma laboral caracterizouse sobre todo por un enorme desequilibro no poder de negociación dos empresarios sobre os traballadores e traballadoras", asegura o secretario xeral de CC. OO.

Sobre o que sobrevoan as dúbidas é sobre se finalmente esa reforma será froito do acordo entre os actores sociais: "É moi ambicioso o que está enriba da mesa. A cuestión é saber se imos poder chegar a un acordo tripartito. É dicir, se a CEOE vai chegar a un acordo nestes termos ou se o Goberno vai ter que tirar para adiante sen ese acordo tripartito", afirma Unai Sordo.

"Vestas ou Alcoa non son versos libres"

Sobre o que polo momento hai máis distancia é na cuestión dos ERTE. Aos empresarios non lles gusta, asegura Sordo, porque é "intervencionaista". "Desde a última reforma laboral a patronal está afeita a facer da súa capa un saio, a poder despedir sen ningún tipo de tutela nin control administrativo, a poder despedir sen máis causa que a posible previsión dunha caída dos pedidos no futuro. E está acostumada á contratación precaria".

Ese poder que teñen as empresas, segundo Unai Sordo, ten consecuencias, "e as consecuencias estanse vendo. Teñen que ver coas decisións de marchar de España ou de deslocalizar a produción en empresas como Vestas ou Alcoa. Non son versos libres".

Ao que os sindicatos non lles gusta da proposta do Goberno é que "mestura ERTE con eres, eres con procesos de recolocación. Os procesos de recolocación son cuestións moito máis complexas que o que dá tempo a negociar en catro semanas. Polo tanto, non é que esteamos en contra de abordar estas medidas, pero si de introducir tantos elementos na mesa que creo que poden bloquear o conxunto da negociación, e por iso o que lle pedimos ao Goberno é unha proposta máis concisa".

"A CEOE está tendo moi pouca corresponsabilidade"

Sordo resta importancia ás presións políticas sobre a patronal para distanciarse dos acordos. "Non digo que non xoguen un determinado papel, porque a dereita do PP, e tamén a extrema dereita, foron moi contrarias aos acordos aos que chegou a CEOE cos sindicatos e co Goberno, aínda que servisen para salvar decenas de milleiros de empresas e máis de tres millóns de postos de traballo, pero creo que as presións políticas entran dentro do terreo especulativo", asegura.

O sostén o secretario xeral de CC. OO. é que esas reticencias dos empresarios teñen máis que ver cunha cuestión pura de intereses. "Creo que as actitudes da CEOE foron as de facilitar acordos cando se contaba con enormes recursos públicos para salvar o emprego e as empresas, fundamentalmente a través dos ERTE. É dicir, pactaron como se canalizaron 40.000 millóns de euros á economía, pero logo está tendo moi pouca corresponsabilidade cando o que toca é devolver unha parte diso para que da economía volva á sociedade, como por exemplo coa mellora temporal das cotizacións sociais para salvagardar o futuro das pensións ou coa suba última do salario mínimo interprofesional", afirma.

"A inflación é un problema sobre todo para os máis vulnerables"

A situación actual de incremento dos prezos preocupa aos sindicatos, pero Sordo cre que non debería prolongarse no tempo. "Se isto se mantivese durante un longo tempo sería un problema para a recuperación. Nestes momentos xa é un problema, é un problema sobre todo para as rendas máis baixas. Pero todo apunta a que parece conxuntural, que vai durar pouco no tempo", asegura.

A solución para el é a de "conter os prezos, intervir en mercados oligopolísticos, como o da enerxía, que fan que a luz en España se pague a prezos que non corresponde, e nese terreo pedimos intervencións. Pero creo que vai ser un episodio puntual. Espero que se poda reconducir, porque evidentemente unha suba da inflación de arredor do 5 % é problema, sobre todo para os máis vulnerables".

"As patronais están vendo unha oportunidade para conter e conxelar os salarios"

Unai Sordo, anticipa uns meses de alta conflitividade. "É previsible un incremento na mobilización laboral que estamos vendo, e non só nas máis coñecidas a nivel mediático como é o conflito do metal en Cádiz. O repartimento da renda que se ten que dar polos convenios colectivos está sendo bloqueado polas organizacións empresariais", afirma.

O secretario xeral de CC. OO. pensa que "as patronais están vendo unha oportunidade para conter e conxelar os salarios e isto non pode ser. Non pode ser que España faga un esforzo económico como fixo cos ERTE ou que Europa faga un esforzo cos fondos de recuperación, que potencialmente traerán a España 140.000 millóns de euros, e que isto quede nas contas de resultados das empresas e non lle chegue á xente".

"Esta semana é unha semana importante, tamén o será a seguinte", conclúe Unai Sordo. "Imos ver se somos capaces de avanzar nunhas negociacións que son moi complexas. Creo que as mobilizacións na rúa, que tamén imos promover no mes de decembro, son importantes para meter presión no bo sentido nesa mesa. Porque parte dos bloqueos nesa negociación colectiva teñen que ver coa lexislación que dá tanto poder ao empresariado. Que se estea negociando un convenio colectivo, e que se non se chega a un acordo ese convenio poida desaparecer dálle tanto poder á patronal que fai que as veces as mesas se bloqueen e iso tamén é consecuencia da reforma laboral".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade