Entra en vigor a obriga de presentar o certificado covid na hostalería
É obrigatorio no interior dos restaurantes e salóns de banquetes durante todo o día
Nos bares, cafeterías e furanchos débese amosar o documento a partir das 21:00 horas

Todas as persoas maiores de 12 anos deben presentar, dende este sábado, un certificado covid-19 para poder acceder ao interior dun restaurante ou salón de banquetes en Galicia.
Ademais, a partir das 21:00 horas tamén hai que exhibir o documento nas cafeterías, bares e furanchos. Porén, non será preciso amosalo nas terrazas situadas no exterior.
Segundo establece a orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia, aceptarase un certificado emitido polo servizo público de saúde ou por un laboratorio oficial autorizado que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:
1- Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19.
2- Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos tests de antíxenos.
3- Que a persoa titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non será válido outro tipo de test.
A medida ten efectos dende as 00:00 horas deste sábado ata as 00:00 horas do día 18 de decembro.