Enchente goleadora do Celta B na Matapiñonera (0-7)
Os tantos foron de Gabri Veiga (x2), Miguel Rodríguez (x2), Cédric, Alfon e Lautraro
Gabri Veiga valora no Galicia en Goles a contundente vitoria celeste
Antes do tempo de lecer o Celta B xa gañaba por tres goles a cero en Matapiñonera.
No minuto tres, xogada de Javi Gómez, rexeita a defensa do Sanse e dende fóra da área marca Gabri Veiga.
Tamén tivo tino nesta cacholada Miguel Rodríguez. O centro é de Javi Gómez. Era o segundo dos celestes no minuto 12 de encontro.
E antes do recreo, outro de Miguel Rodríguez, nesta ocasión cun xesto técnico propio do seu talento. Centra Javi Gómez, prolonga Cédric Teguía e co calcaño, no segundo pao, marca Rodríguez. Tres a cero.
Na segunda metade, minuto dous, gran acción coral que culmina Gabri Veiga. 4 a cero.
E chegou a manciña nunha xogada que inicia Miguel Rodríguez pola esquerda, o seu envío peta no traveseiro...sae cara a banda contraria e logo acaba marcando Cedric con moito xeito cun tiro potente ao primeiro pao.
Funcionaron tamén os trocos de Onésimo e o sexto levou a sinatura de Alfon. A primeira non, a segunda si.
E houbo un sétimo. Marcouno Lautaro de León logo dunha gran transición pola banda esquerda
Nunca antes o Celta B marcara 7 goles xogando na terceira categoría do fútbol español.