Ence prescindirá de 39 traballadores da fábrica de Pontevedra, o 6,5 % do cadro de persoal
Ofrécelles prexubilacións e baixas incentivadas a través dun expediente de regulación de emprego que xa está activado
O comité de empresa convoca 12 días de folga e acusa a pasteira de traizón: "Pretenden que vendamos 40 compañeiros a cambio de tres cochos euros no custo de produción da fábrica"
Ence ofrecerá prexubilacións e baixas incentivadas aos traballadores da súa fábrica en Pontevedra para cubrir os 39 postos de traballo que eliminará a través dun procedemento de despedimento colectivo que xa foi activado.
Os potenciais afectados por este ERE en Pontevedra, segundo confirma a compañía, serían o 6,5% do seu actual persoal e as súas saídas produciranse ao longo de 2026 e 2027.
As condicións do ERE
A empresa propón que a saída destes 39 traballadores se produza a través dun proceso de negociación co comité de empresa. Ofrece prexubilacións e baixas incentivadas aos afectados, e non descarta a posibilidade de recolocalos noutras plantas da compañía.
A pasteira sostén que esta "redución ordenada" de persoal é unha das medidas do plan de eficiencia e competitividade aprobado tras sumar catro trimestres consecutivos de perdas.
Tras reiterar a súa "vontade de diálogo" para alcanzar unha solución "consensuada" coa representación legal dos traballadores, a empresa ofreceu non iniciar o período de consultas do procedemento de despedimento colectivo.
A cambio, suxiren abrir, durante trinta días, un proceso de negociación "previo e informal" co comité de empresa para buscar alternativas aos despedimentos forzosos.
A folga convocada polos traballadores, advirten desde Ence, impactará "notablemente" nos resultados da compañía "reducindo os recursos dispoñibles para afrontar as saídas".
O comité fala de "traizón" e convoca 12 xornadas de folga
A totalidade do comité de empresa de ENCE en Pontevedra -integrado por representantes de Comisións Obreiras, CIG e UXT- anuncia un calendario de folgas de 12 xornadas en protesta pola intención da compañía de iniciar un procedemento de despedimento colectivo no centro de traballo de Lourizán.
A convocatoria, aprobada por ampla maioría en asemblea, afectará tanto a planta pontevedresa como o resto de centros produtivos da compañía e as industrias auxiliares que dependen directamente da fábrica de celulosa.
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, o presidente e o secretario do comité, Santiago Cerqueiro e Omar Vázquez acusaron a dirección de ENCE de "mentiras, compromisos incumpridos e traizón", o que, segundo afirmaron, provocou unha "guerra total aberta" entre a empresa e o seu persoal.
"Só podemos responder con toda a nosa forza e unidade ante esta ameaza directa de despedimento colectivo", advertiron os representantes dos traballadores. Segundo explican: "Pretenden que vendamos 40 compañeiros a cambio de tres cochos euros no custo de produción da fábrica", denuncian.
Os representantes sindicais cualifican o proceso de negociación de "improvisado e irregular" e acusan á dirección de romper o diálogo. Afirman que durante anos o persoal "deixou a pel" na defensa da continuidade da fábrica fronte á ría de Pontevedra, mentres a empresa usaba a súa permanencia como argumento para xustificar decisións corporativas.
O comité responsabiliza á dirección de ENCE de traspasar " todos os límites da boa fe", ao vincular os investimentos na fábrica á aceptación de despedimentos.
A empresa asegura que con esta medida pretende "mellorar a competitividade"
A multinacional xustifica o ERE despois de "catro trimestres consecutivos de perdas".
Segundo explican, esta amortización de postos de traballo esixirá realizar unha serie de investimentos no seu complexo industrial que permitan automatizar tarefas, incorporar sistemas con intelixencia artificial ou mellorar os procesos actuais de produción.
De forma paralela a este plan de eficiencia e competitividade, a compañía defende que continuará executando o proxecto Pontevedra Avanza, cun investimento de 120 millóns de euros.
Esta iniciativa, sentencia Ence, permitirá aumentar a eficiencia e competitividade da súa fábrica en Pontevedra, "garantindo que se manteña á vangarda, xerando emprego e riqueza sostibles na contorna".