En Galicia dispensáronse 66 tratamentos antivirais contra a covid no primeiro mes
O Paxlovid e o Evusheld engadíronse ás vacinas e outros medicamentos para tratar de evitar evolucións graves en pacientes con condicionantes e evitar hospitalizacións

O Servizo Galego de Saúde dispensou un total de 66 tratamentos aos usuarios dos centros sanitarios galegos, no primeiro mes de prescrición dos antivirais contra a covid-19, Paxlovid e Evusheld.
Ambos os fármacos engadíronse hai un mes ás vacinas e a outros medicamentos para evitar que pacientes positivos cuns determinados condicionantes poidan evolucionar cara a un estado grave da enfermidade e ademais previr as hospitalizacións en pacientes con sintomatoloxía leve.
Paxlovid é un medicamento que se subministrará baixo prescrición médica e que se administra vía oral. Así, posibilita un tratamento ambulatorio para aqueles pacientes leves que contan con factores de risco de evolucionar cara a un cadro grave de covid-19, ao tempo que permite controlar a progresión da infección.
Pola súa banda, Evushell é un fármaco que se administra vía intramuscular mediante dúas inxeccións e que esta dirixido a persoas adultas inmunodeprimidas. Este fármaco está indicado como profilaxe previa á exposición e contribúe a previr a infección e o risco de desenvolver complicacións por mor do coronavirus.