Zakaria e Patiño marcan na remonta diante dun rival de Primeira (2-1)
O Deportivo gaña o Emma Cuervo diante do Oviedo nun partido no que Hidalgo probou cun equipo que podería ser o do inicio do campionato
O Pepe Barrera de Ribadeo quedou pequeno. O Emma Cuervo converteuse nunha festa de irmandade entre a afección do Deportivo e a do Oviedo. Cun aire de fútbol antigo todo o espazo posible arredor do campo estaba ocupado polos seareiros.
Había ambiente de partido grande na Mariña. E o Deportivo saíu cun equipo que apunta á titularidade, con Parreño baixo paus. Avisou o Deportivo a balón parado. Un centro servido dende a banda acabou no fondo da portería ovetense pero o xuíz de banda marcou fóra de xogo no remate de Gragera. E máis espectáculo Yeremay. Colleu o balón, ergueu a cabeza e atreveuse cun disparo que a piques estivo de converterse en gol.
O paso polos vestiarios deixou dous equipos practicamente distintos na segunda metade. E os cambios mesmo de sistema sentáronlle peor aos coruñeses que apañaron un gol aos dous minutos. O pase do mago Cazorla é rematado primeiro por Forest ao pau de Parreño e remachado despois por Fede Viñas. O Deportivo respondeu pronto, Patiño roubou un balón, abriu para a banda a Luis Chacón e o seu centro é rematado por Zakkaria. Segundo a colexiada o porteiro do Oviedo sacou de dentro ese balón. Dous minutos despois, o Deportivo tiraba proveito da súa presión. Un erro na saída ovetense deulle o balón a Mario Soriano que viu a chegada de Charlie Patiño que fusilou ao porteiro co seu primeiro gol como branco e azul. O Deportivo superou a proba máis esixente no que vai de temporada. Leva o Emma Cuervo ante un Oviedo de Primeira División.