En Arteixo denuncian a perigosidade dun límite de 90 km/h na contorna dunha escola infantil
Din que na zona xa se rexistrou algún accidente mortal
Esixen melloras de seguridade viaria
Á escola infantil da parroquia de Larín, en Arteixo, acoden 20 nenos de 3 a 8 anos. Porén, cando comecen o novo curso escolar van estar expostos, segundo os veciños, a un gran perigo.
"Hai uns días colocaron aí un sinal que limita a velocidade a 90 km/h e non nos colle na cabeza que nunha zona escolar os coches poidan circular a esa velocidade", denuncia un veciño.
E menos, din, nun treito en que hai dúas curvas e escaseza de visibilidade. Contan que hai tempo que levan reclamando melloras de seguridade viaria. Porque xa se rexistraron accidentes. Algúns, mortais.
Con esta situación, temen que calquera día aconteza unha desgraza e, para evitalo, esixen melloras de seguridade viaria antes do 8 de setembro, que será cando os pequenos volvan á escola.