Pérez Touriño fai unha alegación europeísta: "Causa decisiva para o futuro da humanidade"
O expresidente da Xunta publica o libro 'El horizonte europeo', e reflexiona sobre a necesidade de que a UE teña máis peso: "Cada Estado nación, neste mundo interconectado, por libre seriamos como meros peóns que apenas poderíamos influír, e claro que necesitamos esa Europa unida"
Socialdemocracia, Estado nación, federalismo e Unión Europea: son as catro claves fundamentais para analizar, e sobre todo para avanzar despois das tres grandes épocas de crise vividas ao longo deste século. Esa, canto menos, semella ser a receita de Emilio Pérez Touriño, así a transcribe nunha ampla reflexión recollida en 'El horizonte europeo', o seu último libro, presentado este luns.
"É unha alegación europeísta, a prol dunha Europa unida, porque creo que é unha causa, ademais de nobre, decisiva para o futuro da humanidade, e en particular dos europeos", di o expresidente da Xunta.
"Europa, se un mira as crises que levamos neste século, a gran recesión, a pandemia e agora a guerra de Ucraína, xogou un papel fundamental", cre Emilio Pérez Touriño. "Foi, por dicilo graficamente, un instrumento que nos permitiu afrontar a pandemia, e cun salto histórico por parte europeo que foi emitir débeda mancomunada e poñer en marcha ese plan Next Generation que lle vai permitir recibir a España 140.000 millóns de euros, e que o BCE asumise toda a débeda dos estados e permite ese gasto público e que permite ese paraugas co que se poden desenvolver políticas de protección social, de inclusión e de transformación da economía".
Reacción europea á guerra en Ucraína
E no medio desa resposta a unha crise que aínda estaba por superar chea a guerra en Ucraína. "A invasión rusa, máis alá do evidente, que son os miles de falecidos e destrución dun país, supón a ruptura dunha orde xeopolítica mundial que viña rexendo. Onde existía unha orde baseada no respecto aos valores democráticos, altera iso e provoca unha gran crise económica que estamos a padecer", explica Touriño.
E aí, o expresidente da Xunta cre que a UE ten moito que dicir: "Nesa crise, Europa, paradoxalmente, recupera un papel importante, porque miramos cara a Europa e renace un sentimento de identidade europea, Europa aparece como un actor relativamente relevante importante no escenario global, e por outra parte hai unha unidade xeopolítica europea que se vai conformando".
"En síntese, Europa é capaz de reaccionar de forma áxil e dinámica e, sobre todo, de forma unida", conclúe.
"Necesitamos esa Europa unida"
"En definitiva, Europa confórmase desde os estados, que son os que tradicionalmente teñen a tradición da soberanía: a defensa, as relacións exteriores, pero o mundo está cambiando, e cada Estado nación, neste mundo interconectado, por libre seriamos como meros peóns que apenas poderíamos influír, e claro que necesitamos esa Europa unida", di Touriño, que aposta por dotar de máis recursos a Unión Europea.
"Se un o compara cos Estados Unidos, Washington, o estado federal absorbe o 35 por cento do PIB, e o presuposto comunitario é só o 1 % do producido no seo da UE, e polo tanto temos que dar un salto que nos permitiría desempeñar un papel de referencia no mundo actual".
Democracia fronte a autoritarismo
"Creo que vivimos contradicións moi importantes no mundo actual. Unha delas é a das democracias asentadas fronte ao autoritarismo, que se traspón no mundo global nesa loita de bloques representada polos EUA e A China. Europa ten que xogar aí un papel".
"Hai riscos para os valores democráticos. Nas crises hai unha tendencia fácil ás respostas simples, en forma de populismos, de movementos identitarios de corte nacionalista, con e sen estado, que teñen verdadeira aversión a compartir soberanía. Caen nunha utopía reaccionaria, de que a patria te protexa da globalización e os cambios, e iso hoxe é inviable", afirma Emilio Pérez Touriño.
.png)
O PSdeG debe "xerar alternativas confiables"
"Eu estou como moi afastado da vida orgánica do partido, aínda que sigo a actualidade", asegura o expresidente da Xunta e ex líder do PSdeG antes de, con cautela, reflexionar sobre a actualidade política do seu partido.
"Os partidos, e en particular o noso, precisan de tempo para madurar, e coller forza e capacidade", di Touriño.
E a reflexión do expresidente vai máis da actividade orgánica, senón que debe ser pensada nun contexto xeral galego como alternativa a unha situación económica que ve peor: "En Galicia, preocúpame que perdeu peso económico, obxectivamente comparado con España, dous puntos menos; perdemos capacidade de emprego, España creceu máis de cen mil empregos, Galicia perdeu 45.000; perdemos poboación, 65.000 habitantes menos, España gaña un millón; perdemos o liderado en empresas punteiras renovables, e perdemos capacidade financeira. Hai problemas serios nestes tempos nos que Galicia ve truncada a súa converxencia con España e Europa. E aí é onde necesitamos xerar alternativas confiables".
Pero concretando sobre a situación actual do PSdeG, cre que "en xeral na vida de todos os partidos políticos democráticos, o fraccionamento e as loitas internas son as enfermidades peores. Os cidadáns precisan ver alternativas porque vivimos mundos dunha grande incerteza económica e social. Os partidos teñen que ofrece en todos os niveis confiabilidade e seguridade".
"E polo tanto creo que nunca é unha noticia boa que aparezan disidencias. Espero e confío en que o noso partido aprendese dos erros pasados e teño a expectativa e a esperanza de que estea no proceso de construción dun proxecto que se caracterice polo liderado e a potencia da emisión de ideas, propostas e alternativas", expón Touriño.
Sánchez fronte aos seus retos
E no que é o panorama político español, Pérez Touriño evita as opinións sen reflexión: "Hai temas que son de complexidade e rigor, que son difíciles de tratar con rapidez", asegura.
"No tema da sedición, eu son dos que creo que tal e como a tiñamos definido no noso Código penal, e non son xurista, estaba a xerarnos problemas reiteradamente en Europa, e levamos varios paus á hora de pedir extradicións por exemplo. E creo que pode ser positivo a derrogación dese delito", sostén.
"Creo tamén que é evidentemente que isto contribúe, polo menos a curto prazo, a facilitar a convivencia en Cataluña e as relacións coas institucións catalás", explica defendendo o camiño asumido polo presidente español, Pedro Sánchez.
Aínda así, matiza: "Hai que abrir unha reflexión en paralelo, que é ata que punto pola forma e polo modo de facelo pode pechar diferencias con Cataluña e abrilas co resto de España, e hai que facer un balance de prudencia porque non podemos dividir máis se cabe a sociedade española en bloques".
"É prudente que coñezamos cal é o proxecto máis a curto prazo do encaixe de Cataluña en España", conclúe.
"E logo está toda a problemática xurídica de como queda o Código penal, que é unha problemática máis propia de como debemos defender o ben maior que é a orde constitucional e que como queda isto", asegura por outra parte.
"Os aliados de Sánchez, en particular, están pecando dun certo grao de sectarismo ideolóxico, dunha visión populista que caracteriza este tipo de formacións e que están facéndolle un dano relativo ao proxecto que o Partido Socialista ten para transformar este país, avanzar e protexer os sectores máis débiles", asegura Pérez Touriño para concluír.