Declaran emerxencia sanitaria na Coruña polo conflito do lixo
O concello poderá realizar contratacións extraordinarias e impoñer sancións
A Axencia Galega de Arbitraxe mediará entre empresa e sindicatos
O Concello da Coruña acaba de decretar a declaración de emerxencia sanitaria na cidade herculina. Inés Rey tomou esta decisión ante as toneladas de residuos que se acumulan nos colectores da cidade dende hai seis días.
A alcaldesa dixo que o seu deber é garantir o servizo e que este decreto permitirá realizar contratacións de emerxencia para a recollida de lixo e a limpeza viaria e impoñer sancións polos incumprimentos do contrato.
Esta decisión chega unhas horas antes da reunión prevista entre a empresa concesionaria e o sindicato maioritario para intentar desbloquear este conflito. O sindicato vai á reunión aberto á negociación, pero con demandas claras.
Miguel Sánchez, secretario xeral do sindicato de traballadores da limpeza, pide que se deixe de vulnerar os dereitos fundamentais, que se acabe coa discriminación laboral e que se cumpra coa prevención de riscos.
Precisamente esta negociación era algo que levaba demandando dende hai tempo a cidadanía, preocupada polos problemas de salubridade.
Os veciños quéixanse dos cheiros e temen que comecen a aparecer roedores pola elevada acumulación de refugallos.
PreZero, a empresa adxudicataria, chega a esta reunión tras denunciar danos por valor de medio millóns de euros nos camións e nos colectores e unha conduta de brazos caídos por parte dos traballadores.
O sindicato maioritario condena os actos vandálicos, pero apunta a unha redución deliberada dos servizos de recollida por parte de PreZero.