Duros ataques rusos en Ucraína antes do esperado encontro entre Trump e Zelenski
Nos ataques, morreu unha muller e outras dezanove persoas quedaron feridas
Os bombardeos, moitos deles realizados con drons, deixaron miles de persoas sen electricidade e sen calefacción
Os ataques non impedirán a reunión que Zelenski, celebrará este domingo na Florida con Trump, na que os dous mandatarios debaterán un plan de paz
Rusia lanzou duros ataques contra Kíiv e contra rexións no nordés e no sur de Ucraína, que causaron polo menos un morto e 19 feridos, no medio da expectativa xerada polo próximo encontro entre o presidente ucraíno, Volodirmir Zelenski, e o de EEUU, Donald Trump.
O alcalde de Kíiv, Vitali Klichko, informou dunha muller morta e polo menos 19 feridos na cidade, mentres noutras rexións rexistráronse incendios e explosións. Os ataques rusos, que tiñan tamén como branco infraestruturas eléctricas, efectuáronse con drons e mísiles, incluídos mísiles ultrasónicos de tipo Kinschal, segundo os medios ucraínos.
En Kíiv, segundo a administración da cidade, hai 2.600 edificios de apartamentos sen calefacción tras os ataques, con temperaturas ao redor dos cero graos. Ademais, 320.000 fogares quedáronse sen calefacción.
Ante a intensificación dos ataques rusos contra Ucraína, Polonia pechou dous aeroportos no nordés do país e as súas forzas aéreas despregaron avións militares para controlar o espazo aéreo.
Os ataques prodúcense no medio da expectativa que xerou o anuncio do novo encontro entre Trump e Zelenski, considerado clave nas actuais negociacións de paz, aínda que o plan de 20 puntos presentado polo mandatario ucraíno a noite de Nadal foi rexeitado pola parte rusa.
Zelenski mantén a súa esixencia dun control total da rexión do Donbas e rexeita a presenza de tropas europeas e estadounidenses en Ucraína como parte das garantías de seguridade para Kíiv.
Este venres o presidente ucraíno anunciou que ten previsto viaxar a Florida para reunirse con Trump o vindeiro domingo, para debater o borrador do plan de paz de Zelenski, así como as garantías de seguridade bilaterais que podería prestar Washington e un acordo económico.
"O plan de 20 puntos no que traballamos está listo nun 90 %. A nosa tarefa é garantir que todo estea listo ao 100 %", declarou con respecto á proposta de paz, na que quedan abertos aínda temas como as concesións territoriais que está disposta a realizar Kíiv.