Dura derrota do Rácing no Toralín (3-0)
A Ponferradina adiantouse 2-0 ao descanso e, con 10, sentenciou no engadido
Guillermo Fernández apaña a primeira derrota na súa estrea no banco
O Rácing apañou unha dura derrota na súa visita ao Toralín. Diante dunha Ponferradina que sae do descenso, e no día da estrea de Guillermo Fernández Romo como adestrador, os ferroláns caeron por tres a cero.
A primeira ocasión foi para os galegos, nun remate de Chema logo dunha falta botada por Álvaro Peña que saíu a córner. Pero axiña comezou a estirarse a Ponferradina que, sobre todo nas botas de Cortés, creou moito perigo. Os primeiros intentos do 9 acabaron en córner ou fóra. Pero, no minuto 21, unha contra culminaba cun balón a Cortés, que era derrubado por Chema. Alomenos, iso sinalou o colexiado, que revisou a acción e mantivo a súa dubidosa decisión. Borja Valle non perdoou, e subiu o primeiro ao marcador.
Logo dun remate de Borja Vázquez ao lateral da rede, Cortés ía ampliar a vantaxe. Foi nun córner, cun remate que seestrelou na escadra. O dianteiro apareceu para empuxala na área pequena. Logo dunha última de Mardones, o paretido chegou ao descanso co 2-0.
A segunda metade comezou cunha acción que puido cambiar o guión do partido. Frimpong viu o cartón vermello directo por unha entrada no centro do campo. Pero o Rácing non foi quen de aproveitar a superioridade numérica. Houbo que agardar aos minutos finais para ver as súas mellores ocasións, cun remate de Jairo, outro de Álvaro Ramón e, sobre todo, un de David Concha que sacou Prieto cun auténtico paradón.
Finalmente, no 98', Jorrín anotaba o 3-0 definitivo, que deixa ao Räcing no oitavo posto momentáneo, mentres a Ponferradina fuxe do descenso.