Dubljevic e Jones asócianse para derrotar un gran Breogán (83-88)
Once puntos consecutivos do pivote no último cuarto mudaron a dinámica do partido
O Breogán estivo a un só paso de derrotar un equipo de Euroliga como o Valencia, pero a calidade individual de xogadores como Jones e Dubljevic decidiu o partido (83-88).
Con Bamforth e Nakic moi enchufados, principiou mandando o Breogán (11-5), que acabou o primeiro cuarto cunha vantaxe de seis puntos (24-18). Reaccionou Valencia grazas ao tremendo acerto de Chris Jones, que se foi ao descanso con 17 puntos e sen erro no tiro (7/7). O Breogán mandou (36-34) ata o minuto 15 e foi Valencia o que marchou en vantaxe ao vestiario (41-48).
No terceiro cuarto chegou o momento de Bamforth. O canoneiro do Breogán apelou ao acerto na tripla para volver poñer por diante o seu equipo diante dun Pazo que se volvía tolo (68-65). O último cuarto comezou cos de Mrsic por diante (75-70) ata que apareceu Dubljevic. Ata entón acreditaba uns números moi discretos pero anotou once puntos (tres triplas) consecutivos para darlle a volta ao marcador no momento quente (77-81). Buscouno ata o final o Breogán, pero o triunfo marchou para Valencia.