Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous galegos, investigados en Burgos por irregularidades na venda de cabalos para carne

Dous galegos, investigados en Burgos por irregularidades na venda de cabalos para carne

O Seprona detectou a comercialización irregular de 30 cabalos en matadoiros de Burgos, con sete tratantes investigados

Un dos investigados é da provincia da Coruña e outro de Lugo, sobre eles pesarían delitos de estafa e falsidade documental

G24.gal 23/06/2022 14:46

O Seprona investiga un tratante de gando de Lugo e outro da Coruña pola súa presunta participación na venda irregular de cabalos destinados a carne para consumo humano.

Os feitos investigáronse entre marzo e maio deste ano, despois de que os servizos veterinarios da Junta alertaran de casos 'estraños' relacionados co sacrificio de carne cabalar en dous matadoiros de Burgos.

A inspección do Seprona confirmou as sospeitas. Verificaron manipulacións dos pasaportes, exemplares con dous microchips implantados, ou cabalos de dez anos que pretendían facer pasar por poldros dun, explican dende a Comandancia da Garda Civil de Burgos. 

Acharon irregularidades graves na documentación de 30 animais, nove deles enviados por estes tratantes galegos. Un, da provincia da Coruña, de iniciais F. G. P. e 36 anos de idade. Enviou oito animais, cinco procedentes de explotacións portuguesas e tres galegos. 

"Ademais de presentar un animal cun microchip que pertencía a outro cabalo, presentou exemplares que xa non eran aptos para o consumo humano e incluso había algunha manipulación nos pasaportes dos cabalos", afirma o voceiro da Comandancia de Burgos, Pablo Palacín. 

O outro galego investigado, J.C.B., é un home de 29 anos da provincia de Lugo. Segundo Palacín, mandou un cabalo non apto para o consumo humano. "Posiblemente porque estivera dedicado á equitación ou á competición" explica. "Son animais que levan determinados tratamentos veterinarios que impiden que poidan ser consumidos", engade. 

Os canais dos trinta exemplares foron comisados e retirados da cadea alimentaria. Ademais dos dous galegos, hai outros cinco tratantes investigados polos delitos de estafa e falsidade documental. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade