Dous mortos máis nos incendios que arrasan Grecia
Con eles son xa cinco os falecidos polo lume no país heleno
Polo menos catro mortos polos incendios no sur de Italia
Controlado o incendio próximo a Cascais, Portugal, que deixou 13 feridos leves
As autoridades gregas acharon este mércores os corpos sen vida dunha muller e un home que perderon a vida en dous incendios declarados na rexión de Magnesia, no centro do país.
Elévase así a cinco o número de vítimas mortais que deixou ata o de agora o lume no país heleno.
O cadáver carbonizado dunha muller foi achado dentro da casa móbil onde vivía preto da localidade de Almirós, segundo informaron os bombeiros.
Segundo afirma a televisión pública ERT, a policía detivo un home sospeitoso de provocar ese incendio. Na súa posesión atopáronse distintas substancias inflamables
Doutra banda, preto da localidade de Áyios Yeorgios, situada a uns 20 quilómetros ao oeste da cidade portuaria de Volos, as autoridades acharon o corpo sen vida dun gandeiro que acudiu salvar os seus animais cando outro incendio comezou na zona.
No correr da tarde deste mércores declaráronse seis incendios na rexión de Magnesia, en Grecia central, onde se rexistran as temperaturas máis altas de todo o país acompañadas de forte vento.
Este martes, dous pilotos morreron ao chocar o avión cisterna co que tentaban reducir as lapas na illa de Eubea, onde tamén se atopou o cadáver carbonizado dun gandeiro desaparecido desde o domingo.
Extinguidos os incendios en Alxeria
Os servizos de Protección Civil alxerinos lograron extinguir este mércores o último incendio dos 140 que se declararon desde o pasado domingo no norte e leste do país e que provocaron a morte de 34 persoas, dez delas militares, e máis de 300 feridos, segundo informou o ministro do Interior, Brahim Merad.
As cidades costeiras de Beni Ksila e Touya, na wilaya de Bejaia, foron as máis castigadas. Nelas faleceron este luns dez membros do Exército nas operacións para evacuar aos habitantes rodeados polo lume.
Os incendios deixan no país máis de 300 feridos.