Dous mortos e catro hospitalizados nun incendio nun edificio de Magaluf
Outras 23 persoas, entre elas oito bombeiros, recibiron asistencia sanitaria tras o incendio declarado nun bloque de vivendas no municipio mallorquino de Calvià
Dúas persoas faleceron e unha terceira permanece en estado grave
Dúas persoas faleceron e unha terceira permanece en estado crítico tras un incendio rexistrado na madrugada deste xoves nun edificio de nove plantas de Magaluf, Mallorca. O lume iniciouse nunha vivenda da terceira planta e provocou unha intensa fumareda que se estendeu rapidamente aos apartamentos superiores.
O xefe de Bombeiros de Mallorca, Xisco Bonnín, explicou que a violencia do incendio chegou a romper ventás e mesmo a porta da vivenda onde se orixinou. O fume propagouse a través do oco da escaleira e a fachada, dificultando as tarefas de rescate e evacuación.
Os servizos de emerxencias recibiron o aviso ás 5:20 horas e mobilizaron efectivos dos parques de Calvià e Llucmajor. Á súa chegada atoparon un incendio de grande intensidade que complicaba o acceso á zona afectada.
Nunha primeira intervención foron evacuadas entre sete e nove persoas con afectación leve. Posteriormente, os equipos de rescate atenderon tres vítimas con feridas máis graves, das que dúas faleceron e unha terceira continúa ingresada en estado grave.
As dúas persoas falecidas son un home de 58 anos de nacionalidade arxentina e unha muller pendente de identificación, segundo informou a Garda Civil. As vítimas atopábanse en vivendas diferentes do edificio. O Servizo de Saúde das Illas Baleares elevou ademais a 15 os residentes atendidos por inhalación de fume e golpes de calor. Os sanitarios tamén tiveron que atender oito bombeiros.
O fume estendeuse por todo o edificio
Unha vez controladas as lapas, os bombeiros iniciaron os traballos de extinción e ventilación do inmoble. Ata o edificio, situado na rúa Martín Ros García, na zona de lecer de Punta Ballena, desprazáronse numerosas ambulancias, persoal sanitario, efectivos da Garda Civil e da Policía Local de Calvià. Ademais, instalouse un hospital de campaña para atender os afectados.
En total catro persoas tiveron que ser trasladadas aos hospitais principais de Palma, unha delas con feridas de carácter grave. Oito bombeiros precisaron atención médica durante a intervención.
A orixe do incendio
Un veciño da vivenda onde se iniciou o lume tratou de sufocar as lapas cun extintor e despois con auga ao detectar que o incendio se orixinara nun frigorífico, aínda que sen éxito. Segundo relataron testmuñas, o fume estendeuse rapidamente aos pisos superiores, dificultando e provocando a morte de dúas persoas, ademais de varios feridos e unha persoa en estado grave.
O Concello de Calvià decretou dous días de loito oficial e agradeceu a colaboración dos hoteis para realoxar os veciños afectados. Mentres continúan as investigacións sobre as causas do incendio, os técnicos avalían os danos no inmoble, onde permanenen precintadas as vivendas directamente afectadas polo lume.