Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous detidos por violar dúas mozas de 17 e 18 anos en Monforte de Lemos

Dous detidos por violar dúas mozas de 17 e 18 anos en Monforte de Lemos

O maior de idade queda en liberdade coa obriga de comparecencia no xulgado e orde de afastamento da vítima

G24.gal 16/08/2023 10:07 Última actualización 16/08/2023 19:04

A Policía Nacional detivo na localidade lucense de Monforte de Lemos dous mozos de 17 e 18 anos por violar supostamente dúas mozas das mesmas idades durante as festas patronais da localidade.

O detido maior de idade declarou no Xulgado de Instrución número 1 de Monforte. Despois das declaracións do agresor e da vítima, e realizar outras dilixencias de investigación, a maxistrada acordou a súa posta en liberdade coa obriga de comparecencias semanais, retirada do pasaporte, prohibición de saír do territorio nacional, orde de afastamento da denunciante e prohibición de comunicarse con ela. Investígano por un delito de agresión sexual no marco da violencia de xénero.

Segundo apuntaron fontes da investigación, os feitos sucederon durante a madrugada do luns ao martes na contorna da gardería municipal monfortina, despois de coincidir tanto as supostas vítimas como os presuntos agresores nun establecemento de lecer nocturno da localidade.

As mozas denunciaron os feitos ao ser atendidas no Servizo de Urxencias do Hospital Comarcal de Monforte, e pouco despois os axentes da Policía Nacional procederon ás detencións.

A xunta de goberno local de Monforte de Lemos que se celebrará o vindeiro luns, 21 de agosto, acordará que o Concello forme acusación particular no caso.

O Goberno local que dirixe José Tomé manifesta, en nome de toda a Corporación, a súa "máis enérxica repulsa e condena por estes feitos tan lamentables" ocorridos durante unhas festas patronais que, a trazos xerais, transcorren "con total normalidade" e coa presenza de miles de persoas.

"A vila de Monforte rexeita rotundamente calquera tipo de agresión e moi especialmente se se trata de agresións sexuais a mulleres. En Monforte non cabe ningún tipo de comportamento machista nin delitos contra a integridade e a liberdade sexual das mulleres, especialmente se son cometidos con menores de idade", subliña o comunicado do Concello, que se pon á disposición das familias por se precisasen apoio legal, psicolóxico ou doutro tipo.

Neste contexto, o Goberno local tamén agradece expresamente "o traballo e a rapidez" coa que actuou a Policía Nacional o martes para localizar e deter os presuntos responsables desta agresión sexual.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade