Dous detidos en Olveiroa por oito incendios forestais na Costa da Morte
A Garda Civil atribúelles queima de cable de cobre en lugares apartados e con árbores para vender o metal
Os danos causados polos incendios superan os 20.000 euros
A Garda Civil detivo dous veciños de Olveiroa (A Coruña) como supostos autores de oito delitos de incendios forestais na Costa da Morte. As detencións enmárcanse na operación Coppair.
A investigación, desenvolvida polo Equipo ROCA e o de Protección da Natureza, comezou en xuño ante a elevada frecuencia de incendios con patrón similar en municipios como Camariñas, Cee, Dumbría, Vimianzo e Zas.
Queimaban o cable en zonas apartadas e rodeadas de árbores
Segundo a Garda Civil, os arrestados queimaban cable de cobre roubado do tendido telefónico para extraer o metal e vendelo no mercado ilícito. Facíano en lugares apartados e rodeados de árbores para evitar ser vistos, o que provocou múltiples lumes forestais cun custo estimado de 20.000 euros.
A investigación continúa aberta para determinar se están implicados noutros feitos similares.