Dous anos triunfais do Halo en Vigo
5.000 persoas usan ao día os ascensores deste miradoiro futurista á ría de Vigo
Unha xoia da arqueitectura e da enxeñería que acumula premios internacionais
O xa icónico Halo de Vigo fai dous anos. Un proxecto que algúns consideraban faraónico e que triplicou o orzamento inicial, pero que tivo grande aceptación entre a cidadanía. 5.000 persoas utilízano cada día, e vertebrou barrios da cidade que levaban un século illados polas vías do tren e a autoestrada.
Un millón oitocentas mil persoas usan cada ano o ascensor que xa é unha icona de Vigo. A súa posta en marcha hai dous anos mellorou a mobilidade entre as zonas alta e baixa da cidade, de García Barbón á estación intermodal de Vialia. O Halo permite aos veciños facer en 26 segundos un traxecto cheo de costas de 20 minutos a pé.
Conta con dúas cabinas con capacidade para dezasete persoas cada unha, que salva un desnivel de máis de 50 metros. Os usuarios son unánimes a hora de dicir o marabilloso que é.
Arquitectura e enxeñaría van da man neste ascensor e miradoiro que vertebra Vigo, que é xa tamén un dos atractivos turísticos máis fotografados da cidade. Obra do arquitecto Alexandre Mouriño é ademais unha obra escultórica cunha ponte circular que é un paseo e un miradoiro de Vigo e a súa ría.
A expectación do día da inauguración hai dous anos foi máxima. Pero, por riba da ducia de premios nacionais e internacionais recibidos, os veciños salientan a súa utilidade.
Nestes dous anos houbo avarías puntuais e os ascensores tampouco foron alleos ao grande apagamento de abril do ano pasado, que deixou media ducia de usuarios encerrados na estrutura.