Diego Alves asina co Celta ata o final da temporada
O porteiro superou a revisión médica e cubrirá o oco que deixa Marchesín, cunha lesión de longa duración
Diego Alves (37 anos) superou de xeito satisfactorio as probas médicas e asinou o contrato que o vai unir ao Celta ata o final da temporada. Deste xeito o cadro vigués atopa un substituto para o mancado Agustín Marchesín, que se perderá o que queda de temporada.
Alves é un porteiro de contrastada traxectoria na Liga, na que xogou durante dez temporadas entre o Almería e o Valencia. É un especialista nos lanzamentos de penalti, tal e como demostran os seus 22 penaltis parados (récord absoluto do campionato español).
Con todo, o corpo técnico ten plena confianza no gardameta de Aldán Iván Villar. Realizou un gran partido na vitoria contra o Betis e será o titular ante o Atlético de Madrid, o vindeiro compromiso do equipo vigués en Balaídos.
Xunto a el está a adestrarse o titular habitual no filial, Christian Joel. Os de Carvalhal preparan a visita do Atlético, na que buscarán a terceira vitoria consecutiva.