Dezasete agrupacións participan no certame de rondallas do Porriño
Un encontro non competitivo en que tocaron ranchos de reis de Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Vigo, Mos e O Porriño
Unha tradición popular, propia do sur da provincia de Pontevedra, que colle pulo grazas a película Rondallas, de Sánchez Arévalo
Unha mostra da mellor música dos ranchos de Reis encheu o pavillón municipal de deportes do Porriño, nun certame xa clásico en que non se compite por un premio, senon por manter viva unha tradición que se transmite de pais a fillas e fillos.
"Levo toda a vida, por meu pai. Este ano especialmente por el, porque foi directivo da rondalla de Atios, e deixounos xusto cando a rondalla fixo cen anos. Desgraciadamente desde onde nos estea mirando, por el sigo, sobre todo", comenta Estrella, integrante da rondalla de Atios (O Porriño).
"Porque xa meu pai foi rondalleiro. Eu andei coas miñas fillas na rondalla, que estaban no grupo de baile, e eu agora toco a pandeireta", conta Josefa, integrante tamén da rondalla de Atios.
"Fun co meu pai un día a un ensaio. E moloume e agora vou coa miña nai e toco a pandeireta", relata un meniño de seis anos, que toca a pandeireta na rondalla de Bembrive (Vigo).
Dezasete agrupacións de Redondela, Tui, Baiona, Nigrán, Gondomar, Vigo, Mos e por suposto do propio Porriño participan no encontro. Máis de 2.000 integrantes, dende os cinco ata os oitenta e longos anos. Músicos afeccionados que fan soar pandeiretas, charrascas ou castañuelas. Papel importante o que xogan tamén os abandeirados.
"Eu teño que dar o sinal para que os abandeirados, neste caso, se movan segundo as pautas que tiñamos ensaiadas. Son como a directora da rondalla, pero dos abandeirados", explica a capitá da rondalla de Bembrive.
A recén estreada película Rondallas, de Sánchez Arévalo, deu pulo a unha tradición que lonxe de esmorecer medra cada ano.
"A xente disfrútao, que é o importante, a verdade é que é unha pasada. É certo que a película Rondallas (dirixida por Daniel Sánchez Arévalo e estreada nos cines o día de Aninovo) realzou aínda máis esta tradición", asegura Juan Luis Costas, director da rondalla de Valadares (Vigo).
Este certame é un ensaio xeral do concurso que se celebrará a vindeira fin de semana no Ifevi, e alí xa haberá que dar a mellor nota para gañar.
