Detidos en Carballo dous homes que tiñan ordes de ingreso en prisión
O operativo iniciouse a partir dunha chamada que alertou sobre un posible caso de violencia de xénero nunha vivenda no lugar do Sixto
O sospeitoso deste caso, con numerosos antecedentes, tiña en vigor nove ordes de detención, algunhas delas con ingreso en prisión

A Garda Civil de Carballo, canda a unidade de seguridade cidadá da Comandancia (USECIC) da Coruña, detivo nesta localidade coruñesa dous individuos con numerosos antecedentes policiais e con ordes de ingreso en prisión en vigor.
O operativo iniciouse a partir dunha chamada, o día 10 de febreiro, que alertou sobre un posible caso de violencia de xénero nunha vivenda do Sixto, en Carballo. No lugar, os axentes atoparon unha muller cos seus dous fillos menores fóra da casa.
O sospeitoso deste caso, con numerosos antecedentes, tiña en vigor nove ordes de detención, algunhas delas con ingreso en prisión, segundo informou a Garda Civil.
Tras varios días de seguimento infrutuoso, e ante o risco de novos episodios de violencia de xénero, a Garda Civil solicitou e obtivo unha orde xudicial para a súa detención, que se logrou nun operativo coordinado con unidades especializadas.
O detido foi posto ao dispor xudicial e decretouse o seu ingreso en prisión.
Durante a mesma intervención, os axentes localizaron nunha vivenda próxima outro individuo, tamén con múltiples antecedentes e unha orde de ingreso en prisión.
O home, ao decatarse da presenza policial, tentou fuxir saltando sobre tellados e terreos lindeiros, pero foi interceptado tras unha breve persecución e posto ao dispor do Xulgado de Instrución de Carballo, que decretou igualmente o seu ingreso en prisión.
Durante a actuación, un dos axentes sufriu a mordedura dun can de raza potencialmente perigosa que se atopaba solto na zona.