Detidos cinco veciños de Boiro nunha operación contra o tráfico de drogas a pequena escala
No transcurso dos rexistros incautáronse de máis de 7.000 doses de heroína e cocaína
Imaxe cedida pola Garda Civil
A Garda Civil detivo cinco veciños de Boiro como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, outro de branqueo de capitais e un terceiro de pertenza a grupo criminal, desmantelando dous puntos de venda de substancias estupefacientes nesa localidade, na fase de explotación da operación Zaguanes.
A operación, tutelada polo Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira, iniciouse no verán de 2025 ante o incremento de roubos en establecementos comerciais e furtos no interior de vehículos nos que se subtraía calquera tipo de efectos, maquinaria, ferramentas, roupa, diñeiro, etc.
Os gardas civís pescudaron que a detida trasladábase a un domicilio na localidade de Boiro, no que residía outro dos detidos para a adquisición de substancias estupefacientes que posteriormente vendía no seu domicilio ás persoas que acudían a comprar a súa dose, xerando unha trasfega constante de toxicómanos na zona, advertindo que algúns acudían portando efectos de dubidosa procedencia os cales utilizaban presumiblemente para o pago das substancias.
Nos rexistros domiciliarios, a Garda Civil atopou 226,64 gramos de heroína, 1.137 gramos de cocaína, 144,56 gramos de haxix, 43,16 gramos de marihuana, 3,97 gramos de MDMA, 3,12 gramos de éxtase, 6.300 euros, útiles para o manexo e a distribución de substancias estupefacientes e numerosos obxectos procedentes de diversos roubos.
A Garda Civil procedeu á detención dos catro homes e da muller como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, outro de branqueo de capitais e un terceiro de pertenza a grupo criminal, imputándolles ademais aos moradores dos domicilios rexistrados un delito de receptación e a incautación dos efectos atopados.
Os detidos, xunto coas actuacións realizadas e os efectos intervidos, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira. O presunto xefe do grupo xa entrou en prisión.