Detido un veciño de Carral como presunto autor dun delito de lesións e varios de roubo con forza
O detido ingresou no cárcere despois de pasar a disposición xudicial
A Garda Civil de Carral detivo un home como presunto autor de catro delitos de roubo con forza, un deles en grao de tentativa, un delito de lesións, outro delito contra a seguridade viaria e os delitos de atentado, resistencia e desobediencia aos axentes da autoridade.
A operación iniciouse por mor da denuncia interposta o 21 de outubro por un suposto delito de roubo con forza, en grao de tentativa, nun establecemento hostaleiro da localidade de Carral.
No transcurso da investigación, os axentes tiveron coñecemento da existencia doutros tres delitos da mesma índole nos termos municipais de Ordes e Carral, con similitudes na forma, que xeraron grande alarma social na zona.
Finalmente, lograron identificar o presunto autor, así como a presunta relación desta persoa coa fuga dun vehículo nun dispositivo preventivo de seguridade cidadá na N-550 e os delitos de atentado, resistencia e desobediencia aos axentes da autoridade ao agredir un policía local de Carral no transcurso dunha identificación.
Tras a súa detención, o home foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de Garda da Coruña, que decidiu o seu ingreso no cárcere.