Deteñen un hostaleiro en Ourense acusado de agredir sexualmente unha traballadora menor de idade
A suposta vítima dos abusos é unha rapaza tutelada que lles contou eses supostos abusos ás súas monxas coidadoras
Os axentes detivérono despois dun amplo operativo policial onde rexistraron todo o local a fondo situado no barrio do Couto, en Ourense
Os axentes da policía nacional de Ourense rexistrárono todo, chegaron contra as cinco da tarde ao bar situado no barrio do Couto, en Ourense, e ao longo de varias horas revisaron cada recuncho a fondo.
Buscaban drogas, que non atoparon, e probas dos supostos abusos sexuais a unha traballadora do local que é menor de idade. Está tutelada polas monxas e foron elas as que denunciaron ao hostaleiro.
A moza contoulles que o seu xefe lle realizaba tocamentos desde o pasado verán. O hostaleiro quedou detido.
Os axentes tamén lle rexistraron o vehículo. Algúns clientes quedaron abraiados polo acontecido, a outros non lles sorprende tanto, aseguran que o bar ten unha parte de abaixo que é frecuentada por menores e onde se lles permite beber alcol. Os veciños din que non é o único da zona.
O hostaleiro declarará ante o xuíz nas próximas horas, está acusado dun suposto delito sexual continuado e outro contra os dereitos dos traballadores, porque ao parecer a menor non estaba dada de alta na Seguridade Social.
A Policía Nacional tamén investiga se o detido agrediu sexualmente outras menores.